Ernesto Pérez en COPE " A xoia da coroa estásenos oxidando"
“A mañá de COPE O Carballiño” trasladou o seu estudo móbil ata o concello de San Amaro, para presentar o programa especial dos venres de verán.
( Redacción. Estefanía Bernárdez ) Nun momento da súa intervención radiofónica o alcalde de San Amaro, Ernesto Pérez, lamentou o retraso na apertura do Centro de Interpretación da Cultura Castrexa, en San Cibrán de Lás. O rexedor municipal dixo que “a xoia da coroa estásenos oxidando” e “trátase dun proxecto de vital importancia para a comarca que xa é hora de poñelo en valor, non estaría xustificado ningún retraso máis na súa posta en marcha”. Explicou que tanto o proxecto de electrificación como a urbanización da contorna, agora xa licitada por parte da Xunta, foron os últimos motivos que retrasaron a apertura do centro no que ten “postas moitas esperanzas, porque como xa teño dito noutras ocasións, pode ser a nova locomotora que tire da comarca”.
En canto a viabilidade e futuro do Concello recordábanos que San Amaro data de 1845 e que naceu dunha fusión co Concello de Salamonde. Coma todos, nestes tempos ten dificultades pero cree que a fusión de Concellos non é a solución. “Por agora ninguén se atreveu a presentar unhos números concretos para a fusión”, e tamén defendía o papel da institución: “O Concello é necesario para estar cerca da xente”. A idea das fusións nace de modelos europeos pero “España ten que resolver o seu problema administrativo pensando en España, non noutros países”.
Por outra parte, espera que as festas locais que se celebrarán o 14, 15 e 16 de xullo teñan o éxito que se merecen e agradeceu expresamente o esforzo que fan dende a comisión de festas, tanto na organización da Festa da Cabra como na parroquia de San Amaro.
Paula Fernández Estévez, da comisión de festas de San Amaro, explicábanos que cada día actuará unha orquesta, pero o prato forte estará no domingo, coa actuación da París de Noia.
Na Festa da Cabra de Anllo, os organizadores esperan superar os 500 comensais que sentaron á mesa na edición do ano pasado. Serviráse carne de cabra guisada e ao caldeiro.
Rubén García, do mesón Lembranza, que tamén participou no programa de radio, espera que estas festas sexan un bo empuxón para a hostelería local.