Espazo Común demanda do concello do Carballiño a elaboración dun plan de prevención e reparación das zonas inundables
O Grupo Municipal de Espazo Común vén de rexistrar unha moción para o seu debate no pleno da corporación municipal do Carballiño deste mes de xaneiro para que dende o Concello se elabore un Plan de Prevención e Arranxo de zonas inundables.
"Non son poucas as áreas do pobo que quedaron moi afectadas despois das derradeiras choivas e, como podemos comprobar, os danos e os perigos son cada vez maiores. Resulta moi chamativo o afundimento da rúa Alberte Vilanova (a carón do Centro de Saúde) pero a situación de rúas coma Aquilino Sánchez, o túnel que une Testeiro con 25 de xullo ou a Avenida do Balneario non é moito mellor", manifestan.
Engaden que "un deficiente mantemento, obras que só tapan baixo o asfalto os problemas sen resolvelos e moitos outros sendo ignorados durante anos, só levan consigo que a situación lonxe de mellorar sexa cada vez máis complexa".
Dende Espazo Común lamentan que "ver aos servizos de emerxencia desbordados en canto as precipitacións exceden un chisco do normal xa é costume sen que, ata o de agora se fixera nada por resolvelo".
Finalmente, consideran necesario e urxente tomar medidas. Polo que para comezar, popoñen a elaboración dun plan "que permita recoller tódolos puntos negros e un estudo pormenorizado de cada un deles para detallar nun cronograma o seu arranxo".