Espazo Común denuncia "a situación calamitosa das fosas septicas do concello de PIñor," e culpan directamente ao alcalde.
Espazo Común asegura que "dous anos despois de levar unha moción ó pleno do Concello de Piñor, na que se demandaba a limpeza e tratamento inmediato das sépticas do Concello que se atopaban nun estado lamentable a situación non deixa de empeorar. Cada vez son máis as fosas que se atopan nunha situación deplorable: invadidas pola maleza, rodeadas de xurros de augas fecais, vertendo para ríos, camiños e fincas particulares, cun cheiro fedorento nas inmediacións e rodeadas de mosquitos e outros insectos posibles transmisores de enfermidades".
Engaden dende este grupo da oposición no concello piñorense que "a situación calamitosa non ten máis ca un responsable o alcalde de Piñor, que coñece perfectamente o problema, pois ademais de ser a súa obriga, son numerosos os veciños que relatan que o avisaron dos vertidos das fosas sépticas sen que fixera máis ca poñer escusas, cada vez máis difíciles de entender".
Espazo Común manifesta ademáis que "a imaxe non pode ser máis deplorable para un concello que gasta importantes cantidades de diñeiro en organizar numerosos e variados eventos que seica teñen a intención de promover ó Concello de Piñor coma un destino do turismo de natureza".
Consideran que con ser grave o da imaxe que ofrece ese abandono, moito peor son os problemas de contaminación que están causando nas augas e no entorno medioambiental do municipio, xerando focos de infección que constitúen un risco severo para a saúde pública.
“Esixímoslle que limpe as fosas sépticas sen máis espera. Xa estamos fartos de escusas peregrinas, a xestión do saneamento é unha competencia municipal, e xa leva máis de sete anos de alcalde dicindo que lle dedica ó concello as 24 horas ó día dos 7 días da semana; pero non é quen nin de manter as fosas sépticas como é debido” sinala o voceiro do grupo municipal de Espazo Común Francisco Fraga, ó tempo que engade que non pararán ata que estean as fosas limpas e co mantemento axeitado. Indica que “ se o alcalde non o soluciona de xeito inmediato este problema de contaminación e de saúde pública acudiremos á Confederación Hidrográfica, ós organismos de sanidade, medioambientais, e onde faga falta.”