Espazo Común quere que o concello aprobe un "Plan Municipal de Conciliación Gratuíto" e unha axuda de 100 euros por neno para libros e material escolar
Espazo Común considera que "a pesares dos continuados intentos por disfrazar a realidade con anuncios ficticios e mesturar cifras co único obxectivo de confundir á poboación, o certo é que O Carballiño padece unha caída moi acusada en tódolos indicadores demográficos".
"Á perda de máis de 400 habitantes nos últimos dez anos, hai que engadir o evidente envellecemento da poboación cunha media de idade de 49,16 anos, 1,44 anos máis ca hai tan só cinco anos", remarcan dende Espazo Común.
Isto evidencia -subliñan- que a xente máis nova marcha do noso pobo e que se perdeu a capacidade de atraer a parellas xoves doutros lugares para que fixeran deste o seu punto de residencia. "Facendo unha análise un chisco máis profunda dos datos, non fai falla ser un experto para saber que de non ser pola inxente cantidade de poboación chegada do estranxeiro, as cifras do Carballiño serían aínda máis aterradoras. Outro dato siginificativo é o do crecemento vexetativo, moito máis ca negativo nestes últimos anos: cun dato de -156 en 2021. Esta é a diferencia entre falecementos e nacementos nese ano, dinámica que non se revertiu en absoluto posteriormente".
Namentres todo isto está a acontecer, "as medidas tomadas polo goberno municipal ascenden a cero", afirma no seu diagnóstico Espazo Común. Para a formación liderada por Pachi Vázquez "a pesares dos acordos e das propostas feitas pola oposición, nin campaña de captación de novos empadroados, nin medidas correctoras algunhas, nin nada de nada".
E inciden nas causas do seu diagnóstico "a resposta é moi evidente e ata os alumnos de infantil a coñecen: porque o resto de concellos ofrecen, de xeito gratuito, servizos de conciliación moito máis completos que o que ofrece a teórica capital da comarca, a maiores de axudas diversas para material escolar e similares. Nun mundo no que, na maioría dos fogares, traballan ambos conxuxes, iste é un factor decisivo. É un dos servizos máis básicos que se teñen que prestar para facerlle a vida mellor aos cidadáns".
E neste contexto dende Espazo Común apuntan posibles solucións, que pasarían por "elaborar un novo Plan Municipal de Conciliación Gratuita que teña en conta os horarios dos diferentes colexios; que contemple a situación laboral da meirande parte das familias, con xornadas partidas; que inclúa todo o ano e non só as épocas lectivas"
A través dunha moción que presentarán o pleno da corporación ESCO demandará que "o Concello do Carballiño comece de xeito inmediato a elaboración dun Plan Municipal de Conciliación Gratuita en cuxa elaboración participe toda a comunidade educativa: centros, ANPAS, asociacións".
Finalmente, demandarán do pleno do concello que cara o próximo curso escolar 23-24 se instaure unha liña de axudas para libros e material escolar de 100 euros por neno e coa única condición de que o gasto se faga no comercio local.