Espazo Común reproba ao goberno municipal porque "leva 5 meses para modificar as bases das axudas covid"
O grupo municipal de Espazo Común manifesta ter a sensación "de que non teñen tempo de atender a outra cousa ca verbenas" en relación ao procedemento de modificación de bases para a segunda convocatoria das axudas COVID para autonómos e microempresas do Carballiño.
Recordan como na anterior convocatoria "non se cumprira nada do acordado e se deixara fora das liñas de axuda a moitos pequenos negocios e autonómos por unhas bases mal feitas" e tamén como xa no mes de Xaneiro Espazo Común levou a pleno unha moción "que foi aprobada or todos para a modificación das mesmas de cara a facer chegar a máis xente este apoio no ano 2021".
Afean ao goberno municipal que pasaron cinco meses "e aínda non foron quen de sacar adiante a nova convocatoria", unha situación que perxudica ás pequenas empresas do Carballiño "que ven como son enganados e maltratados por unha administración que debera estar para axudarlles nuns momentos tan complexos".
Espazo Común remata concluíndo que "de novo estamos inmersos na inoperancias e as falsidades, xa no pleno de febreiro afirmouse por parte do goberno que xa estaban listas, asemade no pleno de abril fíxose a mesma afirmación e, dende aquela, o únoco que vimos foron titulares e anuncios diversos".