A estación fixa da ITV instalaráse nunha parcela do Polígono Industrial da Uceira
A estación fixa de ITV que se vai instalar no polígono industrial do Carballiño, ten previsto inspeccionar 4.000 vehículos durante o primeiro ano, e 14.000 no 2020. Así o anunciou o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, no acto de presentación desta nova estación de ITV, que fai a número 26 das que hai en Galicia con carácter fixo.
Tahoces dixo que este proxecto mellora as prestacións de servizo para a cidadanía e incrementa a seguridade vial. E informou de que esta estación, que se instalará nunha parcela do polígono industrial da Uceira, que era propiedade do IGVS, suporá un investimento de 950.000 euros e creará 4 novos postos de traballo de calidade.
Por isto, sinalou que ésta "é unha moi boa noticia para O Carballiño, e hoxe é un día de ledicia". Tahoces estivo acompañado na presentación polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, así como polo presidente de Supervisión e Control, Amador de Castro, que xestiona as ITV de Galicia, e a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz.
Francisco Fumega dixo que esta estación fixa de ITV era unha vella demanda do Carballiño e que abría unha posibilidade de futuro e apuntalamento do polígono industrial.
E recordou que era importante que se creasen catro novos postos de traballo directos, pero que se crearían ainda máis indirectos, polo que expresou o agradecemento dos talleres mecánicos por esta iniciativa. Fumega engadiu que O Carballiño se ubicaba no centro estratéxico das comunicacións de Galicia e que esta condición, xunto coa de ser cabeceira da comarca, lle otorgaba unha situación de privilexio que debía aproveitarse. Finalmente, agradeceu o esforzo da consellería de Economía e Industria, e a deferencia de Ángel Bernardo Tahoces e Amador de Castro, por achegarse ao concello para informar desta boa nova para O Carballiño.
Amador de Castro, pola súa parte, referiuse ao éxito das empresas que representa, e que está baseado non só na calidade técnica das instalacións, senón na calidade do persoal. Así, dixo que haberá moitas melloras técnicas e medioambientais, pero que o máis importante era contar cuns bos profesionais que conformaban un equipo. Por iso, definiu a súa empresa como novedosa e solidaria. Ata agora, no Carballiño só prestaba servizo unha ITV móbil, que inspecionaba vehículos lixeiros durante varios días cada mes, e só unha vez ao ano aos vehículos agrícolas. Unha situación que cambiará en canto se constrúa esta nova estación.