Este vindeiro domingo 12 a partir das 10 da mañá celebraráse a I Feira do Rastro de San Amaro
(Redacción. Belén González) Este vindeiro domingo día 12 a partires das 10.00 horas da mañá, o Concello de San Amaro celebra a primeira Feira do Rastro organizada pola Asociación Lansbricae. Esta iniciativa persegue dous obxectivos: a curto prazo preténdese que a xente se desfaga de todos aqueles aparellos en boas condicións que non son empregados e a longo prazo, Lansbricae reclama a recuperación da antiga feira do 26 que se celebraba cada mes no concello. Xa son 18 os postos acreditados que estarán este vindeiro domingo no coñecido Campo da Festa, onde antigamente se celebraba a famosa feira do 26. Alí instalaráse este mercado no que se poderán adquirir obxectos que van dende motos pasando por roupa, ferramentas, radios, televisións, material informático, cadros feitos a base de cristal e materias de refugallo e un longo etcétera que non deixará indiferente a ninguén. Tamén contarán cunha variada oferta gastronómica galega como pulpo á feira e carne ó caldeiro, mentres que para o postre haberá rosquillas e as famosas filloas galegas acompañadas polo que se desexe.