Estéla Eólica mantén O Irixo como ubicación para a incineradora e asina un protocolo cunha filial de Ferrovial para desenvoler o proxecto

16, Maio 2012

A empresa promotora da incineradora presentou onte ante a Consellería de Industria a documentación do proxecto, e mantén o municipio do Irixo como ubicación para a planta de tratamento do lixo.

Non obstante, a presentación da documentación chega fora do prazo inicialmente previsto, e despois incluso de que o Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, recriminase publicamente á empresa en varias ocasións a tardanza na presentación do proxecto. Nos últimos dias, desde distintos medios apuntouse a outras posibles alternativas que estaría barallando a Xunta, entre elas a posible ampliación das instalacións de SOGAMA en Cerceda.

Doutra parte,  sóubose que Estéla Eólica asinou semanas atrás un "protocolo de exclusividade" para o desenvolvemento do proxecto industrial co grupo Cespa, que se faría cargo da execución da construcción da planta e a súa posterior explotación. Evidentemente, a Xunta tería que dar o visto e prace a esta operación, e estaría tamén por ver se daquéla se mantén a ubicación prevista no Irixo ou pudera ser "noutro municipio calquera" como meses atrás apuntara o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Cespa, a empresa que se faría cargo do proxecto ante os problemas de financiación de Estéla Eólica, ten a súa sede en Barcelona. Trátase dunha sociedade participada integramente polo Grupo Ferrovial. Conta con 40 anos de traxectoria na xestión do lixo en varias comunidades do territorio español, e tamén en Portugal, Andorra e  Reino Unido. Con esta operación, aterraría empresarialmente en Galicia.