Evacuado en helicóptero medicalizado un ciclista que sufriu un accidente nunha pista forestal entre as parroquias do Barón e Cabanelas
Un home precisou ser evacuado en helicóptero medicalizado tras sufrir unha caída nunha pista forestal de difícil acceso no concello do Carballiño, localizada entre os lugares de Cima de Vila, na parroquia de Cabanelas, e Fonteantiga, na parroquia do Barón. A alerta entrou na central do 112 Galicia a través da chamada dun particular, ás seis e media da tarde. A persoa requería asistencia sanitaria para un home que acababa de caer da súa bicicleta, no medio do monte, e perder a consciencia no golpe.
Inmediatamente, os xestores do CIAE-112 alertaron aos axentes da Garda Civil e da Policía Local, aos Bombeiros e membros de Protección Civil do Carballiño e ao 061. Os propios servizos sanitarios confirmaron que o helicóptero medicalizado con base no CHUO desplazouse ata unha zona próxima para proceder á evacuación do ferido, que foi trasladado ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.