A Executiva Local interesouse ante Baltar pola convocatoria do congreso do Partido Popular Carballiñés
(Redacción. Belén González) A reunión entre o Presidente Provincial, José Luis Baltar, e a executiva local do Partido Popular para tratar a política dentro do partido e a política municipal no Carballiño chegou ata dúas horas. O congreso local deberá renovar a presidencia do Partido Popular no Carballiño, posto que algúns dos integrantes do executivo reclaman este cambio. Outro dos temas tratados foi a situación política vivida no Carballiño dende que PSOE e BNG iniciaron as negociacións para poder firmar un pacto de goberno. Baltar ratificou ante a xunta local que dende un principio autorizou a Argimiro Marnotes para apoiar a envestidura de Manuel Amil -actualmente voceiro do BNG- como alcalde do Carballiño. O Presidente Provincial tamén recoñeceu que o lugar do PP no Carballiño é estar na oposición para lograr a alcaldía nas eleccións municipais que terán lugar no 2011. O último congreso celebrado tivo lugar en 2003, ano no que accedeu a presidencia local do PP municipal Guillermo Fernández despois de someterse a unha votación con Jesús Rodríguez -candidato máis próximo ó aparato do partido que lideraba naquel momento a deputada María Dolores Seijas-. Este congreso local xa tivera que haberse celebrado no 2007, pero foi retrasado e convocaráse para o vindeiro mes de novembro ou decembro despois de que teña lugar o congreso provincial.