Éxito de participación no 1º Festival de canto de taberna, que gañou o grupo carballiñés Andasoa
O grupo carballiñés “Andasoa”, alzouse co triunfo do Primeiro Festival de Canto de Taberna ”Un bico no cantar”, que se desenvolveu en 29 bares e cafeterías do Carballiño, na tarde-noite do sábado.
O grupo "Andasoa" fórmano Andrés, Dario, Sonia e Alícia. En segundo lugar quedou o grupo “Os de Maside”, e en terceiro lugar, o grupo "Faíscas - Os Biruxes”.
Os concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, respectivamente, destacaron a magnífica participación de grupos e público, que acolleu este evento con grande entusiasmo. Ambos concelleiros salientaron que foi unha excelente experiencia para organizar novas edicións e agradeceron a colaboración recibida de hostaleiros e patrocinadores.
A convocatoria tivo tanto éxito, que incluso se sumaron cantores e músicos procedentes de Santiago, ou da Estrada, por citar dous lugares de fóra da comarca, para acompañar aos grupos.
Os premios establecéronse segundo o criterio dos hostaleiros, que emitiron nunha puntuación dos grupos participantes nos seus locais.