A extracción de estaño e wolframio volve espertar o interese mineiro na Comarca
Unha empresa con domicilio social en Salamanca ven de solicitar un dereito de investigación en montes do Concello de Avión, nunha zona próxima ás localidades de Couso e Rubillón, con vistas á posible explotación mineira de estaño e wolframio. Un acordo do departamento territorial de Ourense da Consellería de Economia de Industria somete a información pública a petición de dereito mineiro a favor da empresa "Salamanca Ingenieros S.A.". O prazo de exposición pública é de trinta dias, e durante este periodo todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poden examinar o expediente e mesmo presentar as posibles alegacións no mesmo departamento territorial da Consellería de Industria. A actividade mineira, arredor da extracción de estaño e wolframio, non é nova na nosa Comarca, xa que este recurso mineiro xa se aproveitou no monte do Marcofán, en Beariz, ou no Testeiro, na zona que corresponde ó Concello do Irixo, onde a actividade mineira mantivose atá finais dos anos sesenta e incluso principios dos setenta do século pasado. Nalgunhas localidades como Cebral, Froufe ou Subirol, deu ocupación laboral á practica totalidade dos veciños da época, sobre todo durante os anos da segunda guerra mundial, cando o wolframio foi considerado como un material estratéxico. Agora, 40 anos despois, unha empresa volve interesarse polos seus dereitos mineiros, e desta vez no Concello de Avión.