A fanfarria Furruxa e a charanga Louband abren a animación musical do entroido, que terá continuidade ata o domingo 6 de marzo nas rúas carballiñesas
O concello do Carballiño comunicaba no pasado mes de xaneiro que este ano non organizaría o gran desfile de comparsas no que é tradicionalmente o dia grande do martes de entroido, que como cada ano será festivo de carácter local no municipio carballiñés. Asi o acordaban conxuntamente os responsables municipais e os representantes das comparsas ao considerar que non se dan as condicións para a celebración dun evento tan masivo por causa da situación da pandemia.
O que sí organiza o concello do Carballiño é un programa de animación musical no que charangas e espectáculos de rúa animarán O Carballiño neste tempo de entroido, con actuacións a diario.
O venres 25 abre esta programación a fanfarría Furruxa de Caldas de Reis, que actuará de 20 a 22 horas, e a charanga Louband de Sarria que o fará de 20 a 23 horas.
O sábado 26 actuarán a charanga Castro Bello, de 18:30 a 20:30 horas, o grupo folk Feitizo de Pau (de 19 a 22 horas) e a charanga Santa Compaña de Culleredo, de 20 a 22:30 horas.
O domingo 27, ás 17:30 horas farán a súa presentación a histórica murga carballiñesa dos Liborianos, e de 19 a 21 horas, o espectáculo de Festicultores Troupe de Santiago de Compostela.
O lúns 28, animarán as rúas carballiñesas a charanga do Doctor Anchoa de 18 a 20.30 horas, e a charanga CLK de 19:30 a 22:30 horas.
O Martes 1 de marzo -festivo local- en sesión vermút actuará a charanga Europa de Ourense, e pola tarde volverán sair Os Liborianos. Ademáis, de 19 a 22 tamén animará a tarde-noite a agrupación folk Terras do Arenteiro.
Finalmente, o mércores 2, a partir das 19:30 horas "Os 3 Galeguiños e amigos" ofrecerán humor e música fúnebre para enterrar o entroido, que en todo caso no Carballiño terá como con sendo tradicional unha prórroga coa celebración da Festa da Cachucha, que será o domingo 6 de marzo.