Feás recupera os Felos, e chegan os dias grandes do entroido no Carballiño, Maside e Cea

3, Marzo 2019

A parroquia de Feás recuperou este ano a figura do Felo de Feás, que data dunha antigüidade de preto de 200 anos. Foi a concelleira de cultura do concello de Boborás Patricia Torres quen este ano tomou a iniciativa e invitou á veciñanza desta parroquia a recuperar esta tradición do entroido.

Un numeroso grupo de Felos, coa súa vestimenta tradicional, como pode verse na foto, percorreu no sábado de entroido os pobos de Feás, Vilachá, Cardelle, Becoña e A Fenteira.

O Carballiño

A presentación da históricia comparsa dos Liborianos é a actividade máis salientable do domingo carballiñés de entroido, cantarán as súas coplas á tardiña na carpa instalada na Praza Maior.

Para o lúns, tamén na Praza Maior, está programada unha verbena de carnaval amenizada pola orquestra "Olimpus".

O Martes, que será festivo local, e con permiso do tempo, o plato forte da xornada será o gran desfile de comparsas a partir das 5 da tarde seguindo o recorrido tradicional. Trátase dun dos concursos con mellores premios de Galicia, repartiránse máis de 7.000 euros entre as mellores comparsas incritas no concurso da concellería de cultura. O fin de festa na Praza Maior correrá a cargo da orquestra "Aramio".

Maside

O lúns é o dia grande do entroido masidao. A primeira hora da tarde farán acto de presenza os tradicionais Felos de Garabás, e a partir das 5 da tarde celebraráse o gran desfile de Maside no que participarán varias comparsas da comarca, entre elas as de Maside e Dacón, e tamén as carrozas de Parada.  Ao final, chocolatada na Praza Maior da localidade.

Cea

A vila de Cea ven celebrando distintas actividades dende o pasado sábado. Para este lúns de entroido, ás 4 da tarde, na Praza Maior será o recibimento ás carrozas do entroido de Parada, Mandrás e Cea. Dende as 5 da tarde en adiante, unha gran festa infantil no centro multiusos de Cea.

O mércores dia 6, dende as 20:30 horas Cea celebrará o tradicional enterro da sardiña, con procesión polas rúas do pobo, música de charanga e sardiñada gratuíta na Praza Maior.