Festa da Vendima en Leiro, San Vitorio en Maside e Festa Venezolana no Carballiño, entre os destacados acontecementos da fin de semana.
Leiro acolle dende este sábado 27 de agosto, o programa de actos da XXXI edición da Festa da Vendima de Leiro arranca co Concerto de Corais da Vendima (20,00 horas) e a apertura da 3º Mostra de Viños de Leiro, que estará amenizada cunha actuación musical.
O domingo 28, a xornada comezará ás 10,00 horas coa recepción dos acios a concurso e a súa posterior exposición. As 12,00 horas, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, lerá o pregón desta edición da festa na praza do Cruceiro. Despois, quenda para o desfile de carrozas e charangas dende a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e a IV edición da Concentración de Coches Clásicos. As 14,30 horas do domingo celebrarase o xantar popular e despois, dende as 16,30 horas, entrega de premios ós gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e actividades infantís e festivas -incluíndo un espectáculo de maxia e unha festa da escuma- no Salgueiral, que acollerá durante todo o día o XVII Mercado Artesanal. As 17,45 horas, o CF Leiro disputa o seu partido de presentación da tempada e La Ocaband pechará a xornada festiva co seu musical "Camiñantes e cantantes", a partir das 21,00 horas. Festas de
San Vitorio en Maside
A vila de Maside celebra as festas de San Vitorio cun variado programa de actividades que comeza o venres 26 cunha tarde-noite de música e troula que amenizarán "A Banda da Balbina" e a charanga Castro Bello.
O sábado 27 pola mañá haberá pasarrúas da Banda de Müsica de Boborás, que ao mediodia acompañará a procesión e misa solemne, e despóis ofrecerá un concerto na Praza Maior. Pola tarde, ás 18:00 horas, inauguración da Feira de Artesanía Infantil na Alameda, e as 18:30 horas futbol amigable no Outeiro Grande entre o Maside F.C e Arenteiro Promesas. Na verbena do sábado alternarán o grupo Atenas e a orquestra Charlestón Big-Band.
O domingo 28 ábrese a programación festiva cos pasarrúas a cargo da Banda de Música de Ramirás, que tamén este dia acompañará a misa solemne e ofrecerá un concerto na Praza Maior ás 13:30 horas. A verbena contará coas actuacións das orquestras Alkar e Gran Parada. E a despedida a este San Vitorio 2022 quedará para o lúns dia 29 coa celebración da tradicional Romaría das familias de Maside no parque da Rañoa.
Festa Venezolana do Carballiño
"Venezuela, de festa en Carballiño" é o lema da celebración, que comezará o sábado ás 12.00 horas na Praza Maior con música, venta de comida, inchables e entretemento para todos os públicos. Está previsto que ás 12.30 horas comece unha sesión de bailoterapia. Despois da comida, ás 17.00 horas, haberá un concurso de talentos para os máis pequenos da casa. Prevese que ás 19.00 horas actúe a cantante venezolana Selene e, ás 20.30 horas, Anselmo Music Band ofrecerá un concerto.
O domingo repetirase a mesa programación, se ben a partir das 19.00 horas haberá Pilates Mat e, seguidamente, DJ Tibu, tamén na Praza Maior do Carballiño.