Festa das mudacións: Boborás revive este domingo a tradicional danza de Xuvencos
A partir das 10 da mañá deste domingo 15 de Maio iniciaráse o ritual da tradicional danza de Xuvencos que partirá dende a capela de Boborás para concluir sobre as 13 horas na igrexa parroquial de Santa María de Xuvencos.
O concello de Boborás promoveu este ano unha campaña de promoción en medios de comunicación e redes sociais desta manifestación cultural, entendendo que a mesma é outro recurso turístico máis co que conta o municipio.
Historia e tradición da danza de Xuvencos
Moi poucos son os lugares de Galicia que souberon manter viva unha tradición secular como a danza; entre estes lugares atópase Xuvencos. Como tódalas danzas, esta ten unhas manifestacións externas e unha mecánica que lle confiren un maior resalte dentro do mundo no que se desenvolve.
A danza de Xuvencos é unha manifestación relixiosa, cunha iconografía, accesorios e vestimenta moi semellantes a outras que perduran na provincia de Pontevedra. As orixes da danza son confusos,é unha labor difícil buscar as raíces xa que non hai constancia escrita nos arquivos da parroquia nin noutro tipo de documentación.
Por similitude con outras danzas que aínda perduran en Galicia e en España, pódese dicir que nacen na Idade Media e que se corresponden coas Danzas Gremiais : manifestacións pagano-relixiosas que tiveron gran importancia e que foron motivo de discordia entre os poderes eclesiásticos e as diferentes confrarías dos gremios, que se encargaban da realización deste tipo de eventos. Nalgúns lugares a danza de Espadas é propia do gremio de xastres, noutros a danza de Palillos, do de zapateiros.
En canto ó elemento humano, os danzantes eran oito homes: catro vestidos de muller e catro de home. Xa avanzado o século XX aparece a figura feminina na danza. De Xuvencos e solteiros/as Os participantes na danza eran sempre veciños de Xuvencos e tiñan que ser solteiros/as. Facíase unha escolma de mozos e mozas que durante tres ou catro meses de duros ensaios facían posible a supervivencia de tan antiga tradición. Outro personaxe activo dentro dos preparativos e execución perfecta da danza era a do mestre encargado da dirección artística; era unha persoa da parroquia que desinteresadamente dirixía a diario ós bailaríns. Había outras persoas que interviñan directamente no evento da danza: os músicos. Estes acompañaban nos ensaios ós danzantes para darlle unha perfecta harmonía e sincronización nos movementos.
Namentres un grupo de mulleres encargábase de repasar e preparar as vestimentas, e o gran día axudaban a vestir ós homes e mulleres danzantes. En canto á vestimenta había diferenzas entre os homes e mulleres. Nos homes presentaba a particularidade de ter tons claros e presentaba elementos de influencia indiana, posiblemente adoptados polo influxo da emigración, acolleron o sombreiro de palla tipo americano de estrutura ríxida que levaba entrenzada cintas de cores que pendían pola parte de atrás, o chaleco e o pantalón de corte da América de finais e principios do século XX.
Por debaixo unha camisa de ton branco de manga e garabata vermella, apenas asomaba tralo mantón de Manila cruzado e a banda pintada a man que atravesaba dende o ombreiro ata a cintura. Os zapatos eran de cor negra. Os traxes das mulleres presentaban rasgos máis antigos cós dos homes. Con tons tirando a branco, tiñan como novidade a presenza dun sombreiro de tea e non de palla. Levaba ó redor unha soa cinta e unhas flores nun dos seus laterais. Por debaixo unha camisa branca ó xeito da blusa tradicional do traxe galego sobre a que ían dous mantóns de Manila de diferente cor entrecruzados. A saia estaba composta por tres enaguas brancas apuntilladas case que á metade da canela. Nas pernas levaban medias brancas que se acompañaban de zapatos da mesma cor.
Na súa andaina os danzantes eran acompañados doutros elementos que lle conferían un aire distinto: castañolas, paus e cintas. As castañolas eran portadas tanto por homes coma por mulleres, nas dúas mans. Ían adornadas con cintas de cores e facían de acompañamento nas Muiñeiras, na Danza do Corpus, o una Danza do Entrenzado e no Paseo da Danza. Os paus de aproximadamente corenta centímetros, servían para desenvolver os chamados “paleados”, danzas nas que se batían uns paus contra outros.
Nalgúns lugares de Galicia para esta danza empregábanse espadas en vez de paus. As cintas utilizábanse para trenzalas ó redor dun longo pau, coroado polo Xigante, un aparello mecánico movía pernas e mans, e vestido de estilo mariñeiro. A danza de Xuvencos tiña unha mecánica que se repetía ano tras ano. A estruturación do baile facíase do seguinte xeito: O Paso, Muiñeira de Tres en fondo, Paleado de Tres en fondo , Muiñeira de Pasar, Paleado de Cruceta, Muiñeira dos Tolos, Terceiro Paleado e Entrenzado ou Cordón .
O máis característico é a sucesiva formación e combinación de figuras como froito dos sucesivos movementos e cambios que fan os danzantes. O Paso, cada unha das parellas integrantes do grupo avanzaba dende atrás a diante e ó chegaren onda a Virxe, facían unha reverencia. As Muiñeiras interpretábanse cun tipo de movementos completamente diferentes (alternancias de movementos lentos con outros vigorosos) ós que se dan nunha muiñeira normal.
Os Paleados, perfectas combinacións de movementos sincronizados de mans e pernas daban como resultado unha marabillosa estampa de imaxes nos cambios e de son ó chocar os paus. O Entrenzado ou Cordón pon o broche final coa melodía máis alegre e co espectáculo de cor que formaban as figuras xeométricas de cintas sobre a pértega. A música era interpretada por gaitas, bombo e tamboril. Presentaba na súa interpretación tres conceptos diferentes de concepción musical.
Por unha parte había ritmos suaves, nas melodías que acompañaban ó Paseo e ós tres Paleados . Ademais entre cada Paleado a música era diferente. O entrenzado tiña unha música briosa e as Tres Muiñeiras tiñan vitalidade. A danza facíase nas procesións, durante todo o percorrido, representábase enteira diante da capela de Boborás, na Almuzara e ó chegar á igrexa de Xuvencos, e facíase dun xeito parcial nunha encrucillada de Boborás onde se xuntaban as estradas de Pazos e Cameixa. O normal era celebrar a danza cada catro ou cinco anos dependendo da dispoñibilidade dos mozos.
Fonte: Xuvencos, Historia e Tradición. Autor: Xosé Luis Sobrado