A Festa do Pan de Cea consolídase como un referente do turismo gastronómico do verán
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo na inauguración da XXI Festa de Exaltación da Indicación Xeográfica Protexida Pan de Cea, de interese turístico de Galicia, onde cualificou esta festividade como un referente do turismo gastronómico do verán.
Xosé Merelles puxo de manifesto a importancia que ten esta celebración para poñer en valor un “produto galego diferenciado como é o pan de Cea” e tamén as técnicas ancestrais da zona para a súa elaboración. Tamén fixo referencia ao papel estratéxico destas festividades gastronómicas no modelo turístico galego, que aposta pola gastronomía, cultura e natureza.
Tamén salientou que a Xunta ten en marcha varias liñas de traballo para poñer en valor os produtos gastronómicos con iniciativas como o Plan de Sostibilidade Turística Enogastronomía de Galicia deseñado pola Xunta con fondos europeos e que está a incluir accións en máis de 80 concellos galegos que contan cos seus plans de sostibilidade en destino ao redor de produtos gastronómicos.
Ademais do director de Turismo, tamén asistiron o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Trátase dnha xuntanza que reuniu a autoridades, produtores e veciños para salientar a calidade dos produtos agroalimentarios galegos, neste caso, unha marca recoñecida internacionalmente da que o ano pasado se chegaron a producir preto de 400.000 kg, o que supuxo un valor económico de máis dun millón de euros.
Este evento pon de relevo un produto que se elabora segundo as técnicas ancestrais da zona, mediante un laborioso proceso artesanal, e que se coce en fornos de leña, dando como resultado un pan de sabor único e identificador da calidade alimentaria galega e da óptima materia prima da comunidade.
O Pan de Cea é una das tres Indicacións Xeográficas Protexidas de panadaría e repostaría rexistradas na nosa comunidade, xunto coa IXP Pan Galego e a IXP Tarta de Santiago. Unha certificación que sinala que os produtos posúen unha calidade determinada, reputación ou característica que pode atribuírse a unha orixe xeográfica e algunha fase da súa produción ten lugar nunha zona delimitada da que toma o seu nome.
Nos últimos dez anos, a Consellería do Medio Rural concedeu ao Consello Regulador da IXP Pan de Cea, que controla e favorece o elevado nivel de rigorosidade necesario nas tarefas de seguimento das denominacións de calidade, axudas ao funcionamento, control e promoción da IXP. O 2023 foi o ano no que se destinou un maior investimento a esta indicación, con preto de 60.000€.
IXP Pan de Cea
O Pan de Cea elabórase con fariña de trigo, auga potable e sal comestible, ao que se engade para a súa fermentación masa nai. Posúe características comúns cos produtos das IXP Pan Galego, pero ten trazos peculiares que fundamentaron o rexistro dunha indicación propia con anterioridade, no ano 2005.
A obtención do produto consta de sete fases: un amasado dunha hora de forma manual, o tempo de repouso, a división da masa segundo o formato a realizar, o reamasado ou tendas, o enfornado e a cocción e finalmente, a etapa de rever.Todo isto supón un traballo practicamente artesanal de longa duración.
As características principais do Pan de Cea son a súa forma, caracterizada por unha fenda transversal no centro, as súas dúas presentacións posibles (peza ou molete), unha codela grosa de consistencia dura e ríxida, con tendencia a facer láminas e o seu miolo, de textura esponxosa, fibrosa e firme.