A Festa dos Maiores reunirá este próximo sábado a unhas 3.000 persoas no parque municipal
O parque municipal do Carballiño voltará a ser este próximo sábado, 22 de xuño, o marco no que se desenvolva a Xuntanza de Maiores, que celebrará a súa 41 edición.
O evento presentouse no trascurso dun acto ao que asistiron a delegada, Marisol Díaz Mouteira; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega.
Agárdase a asistencia de máis de tres mil persoas pertencentes aos centros socio-comunitarios de Galicia, que se desplazarán na súa maioría en autobuses.
Marisol Díaz cualificou a xuntanza como o encontro anual de maiores de referencia en Galicia, no que se rende homenaxe aos maiores nunha xornada de convivencia.
Francisco Fumega agradeceu o esforzo que realiza a Xunta de Galicia para que esta xuntanza volte a acadar o pulo que tivo hai anos, e destacou a empatía e espíritu de colaboración que existe entre o concello do Carballiño e a Xunta de Galicia polo ben da cidadanía, neste caso das persoas maiores.
Ildefondo de la Campa correspondeu ao agradecemento do alcalde e resaltou o programa previsto para a Xuntanza, que contará coa animación da orquestra M5-Galicia e coa colaboración do presentador do programa Land Rober Tunai Show da TVG, Roberto Vilar. Haberá xogos, actividades, baile e agasallos para os asistentes á Xuntanza, que comezará ás 11 da mañá e rematará ás 8 da tarde.
O director xeral de Maiores destacou como obxectivo desta celebración o agradecemento aos maiores por toda unha vida, e animou á xente a acudir este próximo sábado ao parque municipal do Carballiño.
A recepción de autoridades terá lugar ás 12,00 h., e o acto central comezará ás 12,30 h.