"As fillas bravas" de Chévere e o concerto fin de curso do Conservatorio e a Escola de Música na oferta da concellería de cultura para a fin de semana
O sábado día 5 de xuño ás 20:00 h na Praza da Veracruz terá lugar a actuación da compañía teatral Chévere ca súa obra As fillas bravas e o mito de Casandra. Esta produción está dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios e na súa creación colaborou o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental-SEPA, do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC.
As Fillas Bravas son tres pandereteiras (as actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar) do lugar de Momán, parroquia de Padrenda, Concello de Trabancas, que cantan coplas e contan contos escoitados ou inventados, con moita retranca e non menos sabedoría.Nesta nova peza, usan as fontes do teatro clásico grego e da música tradicional galega como ferramentas para artellar a súa singular conversa cantada. As Fillas Bravas e o mito de Casandra é unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural dende unha perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma,creativa e implicada na colectividade.
O domingo, 6 de xuño, continuará a actividade cultural da mán do Conservatorio e da Escola de Música Municipal do Carballiño, que realizará o Concerto de Fin de Curso ás 13h no anfiteatro da Veracruz. A xornada comezará cunha actuación ao remate da misa das 11:15h no Templo da veracruz, a cargo dun alumno de canto. Despois, ás 13 horas comezará o concerto do alumnado e profesorado do CMUS e ESMU, no que o público poderá desfrutar das diferentes especialidades instrumentáis. Dende a Concellería de Educación animan á veciñanza a asistir á actividade e tamén a matricularse nas diferentes disciplinas que se imparten no centro municipal.
Os dous espectáculos contarán cun aforo limitado e será de obrigado cumprimento a normativa en materia de seguridade e hixiene do Covid.