Francisco Fernández volve asumir o liderado do Partido Popular "coa confianza de revalidar a alcaldía"
Francisco José Fernández Pérez (Cortegada, 1959) optará unha vez máis a revalidar a confianza dos veciños de Leiro, encabenzando a lista que o Partido Popular presentará ás eleccións do 26 de maio, orgulloso do desenvolvemento que experimentou o seu concello nos últimos anos, “nos que voltamos a mirar cara ao río e poñer en valor os nosos recursos”. Este foi, precisamente, un dos aspectos destacados polo presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “pois o candidato soubo dar pulo a todas esas características que reúne o concello e que tamén marcan o futuro da provincia”.
Francisco Fernández volve a asumir o liderado da lista popular en Leiro, optando a un sétimo mandato. “Empezei na política local no ano 1991, como concelleiro, e xa no 1995 cheguei á alcaldía cunha clara idea: aportar o meu grao de área para que o concello mellorase e ofrecer aos meus veciños a calidade de vida que merecen”. Hoxe, engadiu, “tamén estou convencido de que o labor dun alcalde é unha actuación de carácter máis persoal que transcende a liñas da política”.
O candidato afirma sentirse orgulloso das cousas realizadas ata agora, entre as que cita a rede integral de saneamento e depuración no concello ou o centro de día. Non obstante, destaca, un dos logros dos que sinte máis satisfacción “é o feito de que os veciños voltásemos a mirar cara o río”. Refírese o alcalde ás actuacións levadas a cabo no entorno fluvial do río Avia, “a última delas un novo paseo peonil pola marxe dereita que comunica a poboación de Leiro coa área recreativa”.
Aínda hai proxectos de maior importancia que están no haber do goberno de Francisco Fernández, grazas tamén á colaboración coas administracións, como a recuperación do mosteiro de San Clodio ou o “Spa do Viño”, actuacións que poñen en valor o patrimonio local e o sector económico máis importante do concello como é a viticultura.
“A política local é a máis comprometida, a que require máis dedicación pero tamén a máis reconfortante, e iso sabeo ben o candidato do PP á alcaldía de Leiro, que tomou a mellor decisión para o futuro do concello e da veciñanza”, dixo pola súa banda o presidente provincial, Manuel Baltar.
Francisco Fernández demostrou neste tempo, declarou Baltar na presentación do candidato, “que ten un concepto da política local vinculado ao futuro da comarca e da provincia, por iso loita por aspectos comúns no noso territorio como o turismo, o termalismo ou a viticultura, grandes potenciais á súa vez de Leiro”. Unha visión na que sen dúbida ten parte a súa codición de senador “na que tamén amosou a súa capacidade para ser portavoz da provincia”.
“O candidato, todo un especialista en formar equipos e de seguro que terá unha gran lista, voltará a ser o alcalde que merece un Leiro máis grande e con maior protagonismo e desde a dirección provincial estamos plenamente satisfeitos con esta decisión”, afirmou Baltar.