Fumega critica a xestión municipal en relación ao PXOM e Marnotes contéstalle que "ao PSOE moléstalle a transparencia deste goberno"
O portavoz do Grupo Municipal dos Socialistas do Carballiño e candidato á alcaldía, Paco Fumega, afirmou que a decisión de Marnotes de retirar o proxecto de modificación do PXOM evidencia a súa falta de iniciativa e de xestión, xa que “nos fixo perder tempo e diñeiro,cando dende o primeiro momento o PSdeG lle advertiu que a súa proposta urbanística era prexudicial para os cidadáns e tiña que ser anulada”.
Fumega destacou que “a cabezonería do alcalde para dar marcha atrás a algo que a todas luces era un desastre custará aos carballiñeses 40.000 euros”. Esta cantidade é a xa gastada ata o de agora dos 200.000 euros orzamentados en total para a redacción deste proxecto “e que poderían terse destinado a cubrir necesidades dos cidadáns”.
Por iso, afirmou que “tras a retirada do PXOM, é o momento de que a cidadanía retire tamén a Marnotes da alcaldía”, xa que “non é bo para O Carballiño ter un alcalde que nos mete en líos simplemente por obstinación”.
Lembrou que Marnotes dixo dende o primeiro momento que esta reforma “era marabillosa” a pesar de que dende o PSdeG xa lle advertimos que non había razóns nin económicas, demográficas e urbanísticas que xustificasen a necesidade de modificar o planeamento neste intre.
Naquel entón o alcalde culpou ao PSdeG deste proxecto, “cando o certo é que o goberno socialista non chegou a redactar nin unha soa liña do mesmo. De feito, o único que fixemos os socialistas neste proceso foi informar sen demagoxia aos cidadáns do que ía supoñer esta modificación urbanística”.
Por iso considerou que a retirada deste plan “é unha vitoria dos veciños, que coas súas protestas conseguiron que o alcalde entrase en razón, algo do que nos congratulamos”, sinalou, á vez que agradeceu a atención e boa acollida dos cidadáns nas charlas informativa que organizou o PSdeG sobre o PXOM.
Fumega engadiu que a decisión de anular este proxecto “ten un claro tufo electoral” e puxo en dúbida que a intención de Marnotes non sexa continuar co mesmo se chega a alcaldía. Pola contra, recalcou que o PSdeG se opuxo dende o primeiro momento e se comprometeu a anular o proxecto ao chegar ao goberno municipal.
Cuestionou tamén a ineficaz xestión e capacidade de goberno de Marnotes e do concelleiro de Obras, que en catro anos non foron capaces de sacar adiante un PXOM axeitado para O Carballiño e de ver que esta modificación non debía ir adiante, a pesar de todas as advertencias.
Fumega lembrou que houbo moitos casos nos que o alcalde acabou dando a razón ao PSdeG, como coa necesidade de adxudicar o matadoiro mediante concesión, rescindir o contrato coa empresa concesionaria do servizo de axuda no fogar, o non á incineradora ou a defensa do noso xulgado, entre outras.
“O que non é normal é que O Carballiño teña un alcalde que leva catro anos tomando decisións equivocadas que logo ten que rectificar, o que demostra que non é nin un bo xestor nin un bo alcalde”, concluíu o candidato socialista.
O PP afirma que "ao PSOE carballiñés moléstalle a transparencia do actúal grupo de goberno"
Marnotes, facendo un repaso cronolóxico dos feitos, recordaba que "nunca debemos esquecer que este avance foi solicitado polo anterior grupo de goberno municipal, formado polo PSOE. Eles encargárono e asinaron o contrato co equipo redactor. Cando o tiveron, gardárono nun caixón onde nós o encontramos". Neste punto o alcalde carballiñes apunta "a falsa moralidade dos socialistas que, dende que viron que o PP o sacaba á luz e o mostraba aos veciños, empezaron a tremer, xa que eran eles os principais promotores deste".
Mostralo aos veciños é o normal, "polo menos para un grupo democrático e transparente como é o PP. Entendemos que algo que afecta tanto ao futuro desta vila e dos veciños, non pode estar escondido. Debe mostrarse, facendo oídos xordos a critícalas dos socialistas carballiñeses, que en todo momento quixeron culpar ao noso grupo municipal de algo que só eles solicitaran".
Para o PP carballiñés todas as reunións mantidas ao longo do pasado ano cos veciños, sectores afectados e asociacións veciñais, "foron un dos mellores aspectos de todo este proceso, xa que foron eles, os veciños, os que nos agradeceron que mostrásemos un documento que lles afectaba tanto e que, noutros momentos, non se tivese habido que non avisar, simplemente teríase aprobado baixo a lei do rolo que imperaba hai uns anos neste concello".
Marnotes agradece aos veciños e profesionais da construción, o que mostraran tanto interese en cada unha das charlas informativas convocadas dende o concello e se pronunciasen sobre este avance "xa que así é como o PP quere gobernar nesta vila, sempre escoitando os veciños,".
En todo este procedemento do avance do PXOM "os socialistas foron tan torticeros dende que os empezamos a mostrar, que mesmo se atreveron a dicir que concelleiros do PP se beneficiaban desta modificación. Unha mostra mais das armas que sempre usa o PSOEcarballiñés, a mentira e a difamación para intentar enganar os veciños. Algo que, por sorte, non conseguen xa que oscarballiñeses xa coñecen os que son estes señores do PSOE".
Por último, sobre o gasto de 40.000 euros na redacción deste avance, Marnotes afirmaba que "o PP ten por costume pagar todo o que encarga, creo que outros non facían o mesmo, e considero que é un diñeiro moi ben gastado, xa que nos permitiu a todos os veciños coñecer o futuro que esperaba ao Carballiño se se levase a cabo esta adaptación á lei do chan,".
Finalmente, a xeito de reflexión o alcalde carballiñés argumentou "facendo unha análise fria de todo este proceso, se o actual grupo de goberno vía que este plan non era bo para O Carballiño, para que o iamos sacar á luz, teriámolo deixado nun caixón, como fixeron os socialistas, e deixariamos este problema a outros. Pero o PP carballiés ten unha cousa clara, a transparencia absoluta, e iso moveunos a mostralo, xa que en ningún momento era nin o noso plan, nin o noso interese aplicar esta modificación, Só queriamos o que conseguimos, que todos e cada un dos veciños opinarán e decidisen se se presentaba ou non esta modificación".