Fumega pon en marcha un "Foro" para escoitar á veciñanza e incorporar as súas propostas ao programa electoral do PSdeG
O Grupo Municipal do PSdeG pon en marcha un ciclo de Foros coa Cidadanía, co obxectivo de coñecer as inquedanzas e demandas dos distintos sectores sociais do Carballiño e incorporalas ao seu programa electoral.
O portavoz do PSdeG e candidato á alcaldía, Paco Fumega, explicou hoxe en rolda de prensa que o obxectivo é que o programa socialista sexa participativo, e que se lle dea cabida ao que realmente lle interesa á cidadanía escoitando as súas propostas, “co fin de conseguir entre todos transformar O Carballiño de hoxe, que é unha vila morta, nun Carballiño con futuro, nunha vila viva”.
Os Foros estarán abertos á participación da cidadanía en xeral, e en particular dos colectivos que aglutinan aos principais sectores veciñais, sociais, culturais, empresariais e xuvenís. Os eixos fundamentais de debate, e que centrarán o programa electoral do PSdeG, serán "un modelo de goberno transparente, a promoción económica e a creación de emprego, o freo da emigración e o impulso da mocidade como motor de cambio e a eficiencia dos servizos públicos".
Así, o ciclo de foros iníciase este venres 6 de febreiro cun encontro centrado na transparencia e participación no goberno, ao que acudirá o portavoz do Grupo Parlamentario do PSdeG no Parlamento de Galicia, que foi ademais conselleiro da Presidencia na Xunta, Xosé Luís Méndez Romeu.
O 20 de febreiro terá lugar o segundo foro, centrado na promoción da economía e a creación do emprego, unha das cuestións que mais preocupa á cidadanía, e na que participará o deputado e economista Abel Losada.
Xa no mes de marzo, o venres día 6 o tema central será a eficiencia dos servizos públicos e sociais, coa asistencia da responsable desta área no grupo parlamentario do PSdeG, a deputada Carmen Gallego.
O día 20 de marzo, o eixo fundamental do foro será a integración da xuventude ao cambio que necesita O Carballiño, co fin de artellar propostas para evitar a masiva emigración da xeración máis preparada.
Fumega explicou que con estas catro premisas: transparencia, emprego, servizos sociais e xuventude, “podemos desenvolver as potencialidades que ten O Carballiño, en contraposición á parálise e retroceso que estamos vivindo co goberno de Marnotes”.
Considerou “moi preocupante” a destrucción de emprego que se produciu nos meses de Novembro e Decembro no Carballiño “sobre todo tendo en conta que o goberno de Marnotes ten as constelacións alineadas axeitadamente, xa que o seu partido goberna en España, Galicia e na Deputación de Ourense, e aínda así non fai nada”.
Fumega afirmou que “se O Carballiño vai cada vez mais para atrás é debido a unha falla absoluta de xestión política, porque o alcalde está preocupado de trapalladas en lugar de atender ao que necesita á cidadanía”.
Por iso destacou que “nos imos escoitar aos cidadáns, coñecer o que lles preocupa e o que necesitan e falar con eles para que as súas propostas e demandas formen parte do noso programa de goberno, e transformar así O Carballiño”.
Estes encontros coa cidadanía terán lugar todos eles no Hotel Arenteiro ás 20,30 h.