Fumega presenta o "Plan de Mellora de infraestructuras viarias, deportivas e culturais", que se executará nos próximos meses
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, presentou hoxe o Plan de Mellora de Infraestruturas Viarias e Instalacións Deportivas e Culturáis, que se executarán neste último trimestre de 2017, e que suporán un investimento de caso 600.000 euros, que serán aportados polo concello, pola Deputación Provincial e por diversas Consellerías da Xunta de Galicia, a través de convenios xa asinados. Algunhas das obras anunciadas comezaron xa e o resto o fará nos próximos días e semanas.
Trátase dun total de doce obras, que se realizan no casco urbano e nas parroquias, e que son “proxectos prioritarios neste momento”, tal e como asegurou Francisco Fumega en rolda de prensa.
No medio rural inclúense os seguintes proxectos: Acceso ao balneario das Caldas de Partovia; Rúas Outeiriño e Xesteira, en Señorín; Estrada de circunvalación do Campo da Festa en Veiga e Acceso dende o Grupo Escolar a Partovia polo Penedo.
No casco urbano os proxectos son: Rúa Otero Pedrayo, Rúa Aquilino Sánchez e Camiño de Aquilino Sánchez e Beirarrúas da Avenida do Parque dende a antiga casa do Peón Caminero ao Instituto Chamoso Lamas.
As isntalacións deportivas que serán obxecto de mellora son: Substitución do parquet da pista do pavillón anexo do Pavillón de Deportes e Renovación dos vestiarios do estadio municipal de Espiñedo.
Finalmente, contémplase a renovación dos servizos da pranta baixa da Casa da Cultura.