Fumega promociona a "Festa do pulpo" na feira "Expocidades", en Vila Real
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, desprazouse ata Portugal para asistir á xornada inaugural de Expocidades, que ten lugar en Vila Real.
Unha vez máis, o pulpo foi un dos grandes protagonistas deste evento, xa que centrou o interese das autoridades e medios de comunicación durante o recorrido polos diferentes stands. E, de feito, O Carballiño centra a súa oferta turística do verán na promoción da Festa do Pulpo e nos balnearios.
Unha ampla representación das cidades galegas e portuguesas integradas no Eixo Atlántico, entre elas O Carballiño, conxuntamente cos demáis concellos da Mancomunidade Turística Terras do Avia, mostran o potencial do turismo de proximidade na cuarta edición da Mostra de Turismo das Cidades do Eixo Atlántico, Expocidades, que se realiza en Vila Real ata o 17 de xuño.
25 stands ocupan unha feira que mostra as posibilidades turísticas das cidades participantes, unha oferta centrada no turismo de proximidade dada a relativa distancia que existe entre as cidades galegas e as portuguesas e a variedade de ofertas turísticas para o visitante.
A exposición ten lugar en pleno centro da cidade, na Alameda de Grasse en Vila Real. Paralelamente ao desenvolvemento da feira teñen lugar outras actividades como degustacións de produtos típicos das cidades, entre eles, o pulpo, o pan de Cea e o viño do Ribeiro.