A Fundación "Insua dos Poetas" e o concello do Carballiño asinan un convenio de colaboración para a promoción deste parque dedicado á creación artística
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o presidente do padroado da Fundacion Insua dos Poetas, Luis González Tosar, asinaron hoxe un convenio de colaboración para impulsar novas iniciativas culturais. No acto, ao que tamén asistiron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o vicepresidente do padroado, Celso Sánchez, puxose de relevo o interese cultural e patrimonial deste parque da Esgueva adicado á creación artistica.
Neste senso, anunciouse a apertura de novas actividades non só no eido literario senón tamén no audiovisual e teatral, así como noutras manifestacións culturais.
González Tosar botou man do Premio Nobel de Literatura William Faulkner para expresar o convecemento de que “o local é o principio básico de todo o que se queira converter en universal”, e de aí o significado da promoción da Insua dos Poetas, enclavada nunha paraxe histórica ao norte das terras do Carballiño. O presidente do padroado resaltou a importancia da sinatura deste convenio, que plasma un acordo de colaboración e implicación mútua na difusión da Insua dos Poetas como parte importante do patrimonio e da dinamización cultural do Carballiño. E agradeceu a colaboración do concello que, como administración local, é a mais próxima á cidadanía.
Francisco Fumega tamén expresou a súa satisfacción pola sinatura deste convenio, que formaliza a colaboración institucional municipal que xa se viña producindo, pero que a partir de agora vaise intensificar. O alcalde referiuse á Insua dos Poetas como “o magnífico parque da Esgueva, que aglutina tres elementos definitorios: as letras, a escultura e o medio natural. En definitiva, un lugar de encontro coa Cultura, que temos a gran sorte de que estea ubicado no termo municipal do Carballiño”.
E, asemade, agradeceu o alcalde carballiñés a Luis González Tosar a súa iniciativa. “Realmente, é moi importante para O Carballiño contar cun parque desta relevancia, polo que nos comprometemos a impulsar máis actividades e a promocionalas dentro e fóra do noso municipio e comarca, co obxectivo de que poida ser un marco cultural ainda máis relevante do que xa o é”, dixo Fumega, que engadiu: “A Insua dos Poetas é xa parte do noso patrimonio cultural, e estamos ante unha boa oportunidade para poñer en valor este patrimonio impulsando o coñecemento e a difusión tanto da programación como do mesmo significado deste conxunto escultórico, natural e simbólico que é unha auténtica homenaxe ás personalidades das letras galegas.