"Gesmedical" inaugura o seu centro de día no que ofrece "atención integral e individualizada a persoas maiores con algún grao de dependencia física ou sicosocial"
A entidade privada GESMEDICAL inaugurou este sábado un centro de día para maiores no Carballiño cun acto informal no que o centro abriu as súas portas para que calquera persoa interesada puidera coñecer as instalacións e os servizos que ofrece. Un acto aberto ao público no que participaron preto dun centenar de representantes da administración autonómica, provincial e local, de entidades sociais, de empresas da comarca, veciños e usuarios.
Durante o percorrido polas instalacións, a directora do centro, María Ochogavía explicou que “este centro nace co obxectivo de ofrecer un servizo demandado polos veciños da comarca do Carballiño – Ribeiro, xa que os centros de día máis próximos atópanse en localidades como Ourense, Lalín ou A Cañiza.”
Ochogavía insistiu en que este centro de día de GESMEDICAL “ofrece unha atención integral, individualizada e personalizada a persoas maiores con algún grado de dependencia física ou psicosocial co fin de mellorar ou manter o seu grado de autonomía; para o que contamos cun equipo de profesionais cualificados en psicoloxía, terapia ocupacional, traballo social, auxiliar de enfermería ou animación sociocultural, entre outros.”
Os usuarios, ademais dos servizos típicos de calquera centro de día como enfermería e a realización de actividades cognitivas, físicas e de rehabilitación ou terapia ocupacional individual ou colectiva, poden desfrutar de servicios coma perruquería, podoloxía ou nutrición e dietética que, “aínda que poidan parecer prescindibles, son fundamentais para o benestar dos maiores.”
O eixo de todo o que acontece neste centro de día é fomentar o envellecemento activo e que este se produza nas mellores condicións posíbeis, pero “non esquecemos e temos moi presente a importancia que os centros de día teñen para os familiares ou coidadores habituais. Por iso lles ofrecemos flexibilidade horaria e transporte adaptado.”
Dende GESMEDICAL búscase "axudar aos maiores, que os usuarios reciban unha atención personalizada e integral para mellorar a súa calidade de vida grazas a un servizo profesional e humano, pero tamén nun espazo no que poden compartir momentos con outras persoas maiores en similares circunstancias, e no que se sintan coma en familia; ao tempo que se facilita que os coidadores dispoñan dun tempo de respiro".
O centro conta cunha superficie de 1.500 metros cadrados e está preparado para dar servizo a un total de 55 usuarios; dispón dun módulo especial para a atención de 15 maiores con enfermidade de alzheimer.