Gran expectación ante o concerto de música latina, house e electrónica de Dasoul e Dany Romero
Será un dos principais eventos deste Nadal no Carballiño e na provincia, e pola marcha da venta de entradas anticipadas, xa se pode augurar unha gran afluencia ao concerto de música latina, house e electrónica que ofrecerán os cantantes e productores Dasoul e Dany Romero o próximo 23 de decembro na discoteca Isis Pharia.
Este espectáculo musical, que organiza unha sociedade de promotores carballiñeses, foi presentado a mediodía polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández e o representante da sociedade promotora Uriel Bernárdez.
Bernárdez confirmou a día de hoxe a venta anticipada do 75% do aforo da sala, que é de 1.800 persoas, na súa maioría de persoas da provincia de Ourense e de Pontevedra, pero tamén de fóra de Galicia, como unha parella que viaxará dende Cataluña para asistir ao concerto. Isto fai prever que se encherá a discoteca e que O Carballiño recibirá esa noite a visita de centos de persoas, moitas das cales pernoctarán na vila.
Bernárdez tamén dixo que esta experiencia poderia ter continuidade con outros concertos de renome. Actualmente, Dasoul está completando unha xira internacional e, xunto con Dany Romero, conforman un cartel excepcional no panorama musical español, suscitando unha gran expectación entre a mocidade.
Tanto os promotores como o concelleiro de Cultura aseguraron que este concerto situaba ao Carballiño nun lugar preferente da oferta musical neste Nadal, e que a situación estratéxica da vila, con acceso por autovía en todas as direccións, estaba a contribuir ao éxito da iniciativa.
Neste senso, Diego Fernández agradeceu o risco e o esforzo desta sociedade promotora por traer ao Carballiño un evento de ámbito autonómico e estatal tan relevante para a mocidade. O concerto, que está recomendado para mozos e mozas a partir dos 16 anos, comezará ás 22,30 h., do venres, 23 de decembro, e prolongarase durante varias horas, xa que ademáis destes dous artistas contarase cos mellores DJ de Galicia, como Groove Amigos; de Ourense, como The Prieto Brothers e o DJ carballiñés Stewe Gómez.
Asemade anúnciase un servizo de autobuses dende Ourense e o centro do Carballiño coa discoteca para a ida e a volta do concerto ao módico prezo de 1 euro. As entradas poden adquirirse de forma anticipada por 15 euros en discotecaisispharia@gmail.com ou chamando aos teléfonos 658 666 723 e 600 289 504.