Grandes descontos, sorteos e colchonetas divertidas na Feria do Stock do Centro Comercial Aberto

21, Marzo 2019

Trece establecementos comerciais ocuparán a totalidade das casetas instaladas na Praza Maior para a celebración da 14 Feira do Stock, que organiza o Centro Comercial Aberto coa colaboración do Concello do Carballiño e da Xunta de Galicia, e que se abrirá mañá venres, 22 de marzo, ás 11, 00 h., e rematará o domingo ás 21,00 h.

Trátase de tendas de moda infantil, mocidade, muller, cabaleiros, librerías e zapaterías.

O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Francisco Fumega, e a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares.

Entre os alicientes que ofrece esta feira están os descontos de ata un 80% e un sorteo de vales de compra por valor de 50 euros cada un, que se adxudicarán á clientela o domingo pola noite. Tamén haberá colchonetas para os mais cativos o sábado e o domingo.

Francisco Fumega destacou a importancia do comercio na economía local, e a celebración desta feira como un xeito de poner fin á campaña de rebaixas de inverno. Felicitou ao CCA polo traballo que realiza e reiterou a máxima colaboración do goberno municipal para dinamizar o sector e intentar paliar a competencia que se produce por mor das vendas online.

Neste senso defendeu o comercio local como o principal sostén da vida nas vilas, e por eso animou á veciñanza a mercar nos establecementos do Carballiño e achegarse esta fin de semana a Praza Maior.

Noelia Mares tamén animou á xente a visitar os stands e aproveitar a oportunidade de descontos e agasallos que ofrecen os establecementos da feira, e que son unha boa representación do excelente comercio que hai no Carballiño.

A feira abrirá o venres, sábado e domingo, en horario de 11,00 a 14,00 e 17,00 a 21,00 h.