Incerteza pola Reisdencia de Tempo Libre, o concello demanda a súa reapertura
O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, demandará información da Consellería de Política Social e da dirección da Residencia do Tempo Libre, co obxectivo de coñecer os plans con respecto ao funcionamento deste centro durante a tempada de verán. Por este motivo, solicita reunirse tanto coa conselleira como coa directora da instalación.
Desde o concello considérase que a Residencia do Tempo Libre é esencial para a tempada turística de verán no Carballiño, xa que ademáis dos varios centos de persoas e familias usuarias destas instalacións durante os meses de xullo, agosto e setembro, é unha fonte importante de postos de traballo, polo que é impresindible mantela aberta este próximo verán.
Por outra parte, a Residencia do Tempo Libre é tamén un elemento dinamizador do comercio e da hostalería locais, que neste intre necesitan todo o apoio das institucións para poder saír adiante.
A situación creada polo Covid-19, que paralizou as inscricións para pasar as vacacións nesta residencia, introduce unha gran incertidume con respecto ao seu funcionamento durante o verán, e por iso o concello solicita algún tipo de iniciativa que contribúa á apertura da instalación durante o verán.
O concello considera que a Residencia do Tempo Libre pode ser un destino de vacacións seguro durante a terceira fase da desescalada, e que as instalacións poden cumprimentar todas as medidas requeridas para garantir o seu funcionamento sen que se corra ningún risco, incluso coa posibilidade de reforzar os servizos.
Neste senso, tamén se recorda que é moi importante promover iniciativas que ofrezan alternativas ás familias para as súas vacacións e dinamizar o turismo de interior, que é un xeito de reactivación económica ademáis de cumprir unha función social.
Por todo isto, desde a alcaldía crese que para O Carballiño sería de gran axuda que a Consellería de Política Social puidese atopar algún tipo de alternativa para que a Residencia do Tempo Libre estivese aberta no período de verán.