A Insua dos Poetas acolleu a celebración da IX Festa da Palabra
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na IX Festa da Palabra, celebrada na Insua dos Poetas (Esgueva, O Carballiño), que somos "unha nación cultural, a mellor definición de Galicia, integradora e solidaria, na que loitaron os nosos devanceiros", citando como exemplo as achegas sociais e intelectuais de Curros, Lamas Carvajal, Vicente Risco, Otero Pedrayo¸ Cuevillas, Blanco-Amor, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Antón Tovar e Carlos Casares.
Nesta edición o protagonista foi Carlos Casares, "cuxa memoria seguiremos a honrar pola súa personalidade e a súa obra, orgullosos como estamos do noso escritor, editor, xestor cultural con ideas renovadoras e proxectos participativos, e tamén, como non, do cidadán comprometido politicamente,", afirmou o presidente da Deputación de Ourense.
Manuel Baltar destacou que Casares "está sempre presente na Ourensanía, un territorio e un sentimento que trascenden os lindes desta provincia e que debe ser tomado como o que é: a mellor maneira de sermos galegos".
Na celebración entregáronse os premios "Insua dos Poetas" 2017: na modalidade de "Creación literaria", a Miguel Anxo Fernán Vello; en "Emigración", ao Centro Partido de O Carballiño en Bos Aires; na categoría "Iniciativa Cultural Destacada" ao grupo de teatro Tiruleque do Carballiño; á Plataforma Ríos Limpos, no apartado de "Medio Ambiente", e na categoría "Medios de Comunicación" ao programa radiofónico da Radio Galega "Diario Cultural", mentres que na categoría "Defensa da Lingua Galega" concedéuselle a premio ao médico Carlos Guitián. No apartado de "Artes Plásticas" o premio foi para Antón Pulido. Os galardóns consistiron nunha peza orixinal do escultor Manuel Buciños.
Xunto a Manuel Baltar, no acto participaron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; Damián Villalaín, colaborador de Carlos Casares na editorial Galaxia, e Christian Casares, fillo de Carlos Casares. O apartado musical contou coa participación do grupo Gelria e coa Real Banda de Gaitas.
Tralos discursos tivo lugar o develamento de peza escultórica de Buciños "Vento Ferido" e do texto gravado en pedra, situado na entrada da Insua dos Poetas, do que é autor Luis González Tosar e que da conta da historia deste espazo natural dedicado á cultura.
A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a Festa da Palabra desde o ano 2009, unha cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán, na cal, ao longo destas nove edicións foron homenaxeados: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, Francisco Luis Bernárdez, Pura e Dora Vázquez e Carlos Casares. González Tosar avanzou que a vindeira edición da Festa da Palabra estará dedicada ao poeta Víctor Campio Pereira.