A Insua dos poetas acolleu a Festa da Palabra e recoñeceu a traxectoria do Grupo Outeiro
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu á VII edición da Festa da Palabra da Insua dos Poetas -na parroquia carballiñesa de Madarnás- que en palabras do titular de cultura “é hoxe máis que nunca punto de encontro entre Arxentina e Galicia, ponte de unión entre escritores que, a dez mil quilómetros de distancia, comparten un sentimento común”, xa que este ano está dedicada a Francisco Luís Bernárdez; poeta nado en Bos Aires e galego de sentimento e que pertenceu a xeración literaria de 1922.
Rodríguez gabou a figura do escritor ao que se referiu como “un intelectual que amaba por igual a Arxentina e a Galicia, un poeta que comezou escribindo en lingua galega e que nos legou unha obra que honra as letras hispánicas”.
Neste acto tamén se fixeron entrega dos galardóns Ínsua dos Poetas que este ano recaeron en Manuel Rivas (Letras), Francisco Lores Mascato (Cultura Galega na Emigración), Grupo Ecoloxista Outeiro (Arte e Medio Ambiente), Grupo Gadisa (Compromiso Económico e Social) e Faro de Vigo (Comunicación e Difusión Cultural).
Xunto ao conselleiro, tamén acudiron ao acto os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; o presidenta da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación da Insua dos Poetas, Luís González Tosar; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o presidente da Academia Arxentina de Letras, José Luís Moure.
Nado en Arxentina e de pais galegos , Francisco Luís Bernárdez, non tardou en volver á terra de seus proxenitores onde sería redactor de El Pueblo Gallego. En canto a súa obra poética cabe destacar títulos como “Poemas Elementales” e “Poemas de Carne y Hueso” grazas os cales acadou o Premio Nacional de Poesía de Argentina no ano 1944. Ten unha rúa que leva o seu nome no Carballiño e no ano 2010 o concello de Maside nomeouno fillo adoptivo.