A Insua dos Poetas e o seu magosto para "os nenos e as nenas na lingua propia" reuníu a centos de rapaces e maiores
A Insua dos Poetas celebrou esta tarde a segunda edición do seu Magosto popular, para os “nenos e as nenas na lingua propia”, segundo remarca Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, organizadora dun evento celebrado patrocinado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia e a participación dos concellos do Carballiño, Maside, Boborás e O Irixo.
Centos de rapaces e as súas familias trasladáronse á Esgueva (Madarnás, O Carballiño) para participar nun magosto que repetiu o éxito da súa primeira edición, e que contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, xunto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén.
Nesta liña, o magosto, que comezou ás 16,30 horas, combinou o aspecto gastronómico máis tradicional -o menú estivo composto por chourizos, castañas asadas e bica- cunha programación marcada polos xogos infantís e as atraccións ecolóxicas, ademais de DJ Tibu e o concerto de Pele Pau. Os nenos asistentes participaron nun sorteo de varios lotes de libros e xogos didácticos.