A Insua dos Poetas e a rapazada da comarca celebran o dia da "Auga, a Árbore e a Poesía".
A Ínsua dos Poetas acolleu este xoves 21 de marzo o seu tradicional acto con motivo do “Día do Árbore, a Auga e a Poesía”, unha conmemoración múltiple que contou coa presenza de rapaces e rapazas de todos os centros educativos da comarca do Carballiño, así como do colexio invitado este ano, o Ben Cho Shey de Pereiro de Aguiar.
Esta actividade cultural organizada pola Fundación “Insua dos Poetas” pretende promocionar a natureza e a lingua galega, con diversas actividades que se sucederon no transcurso da mañá e na que a rapazada da comarca carballiñesa foi a protagonista, con música, poesía e a prantación de árbores.
Este acto contou cunha ampla representación institucional na que figuraban o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o secretario xeral de Cultura en funcións da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal en funcións da Xunta de Galicia, José Luis Chan; en represenación da Deputación estivo o deputado de Medio Ambiente José María Lago, asi como os alcaldes do Carballiño e O Irixo, Francisco Fumega e Susana Iglesias, respectivamente; e o deputado provincial socialista Diego Fernández.
A Fundación "Insua dos Poetas", presidida por Luis González Tosar, está declarada de Interese Galego e ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.