A Insua dos Poetas inaugura o vitral de Antón Pulido “Kermesse para Arcadio”, e avanza que a Festa da Palabra 2024 homenaxeará a Méndez Ferrín
A Insua dos Poetas luce desde hoxe unha nova peza artística para lembrar o legado cultural do poeta, profesor e investigador Arcadio López Casanova. O acto inaugural desta nova peza tivo lugar hoxe na Esgueva (O Carballiño) coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; do concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; do presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar; e do autor da obra, Antón Pulido.
Luis Menor reafirmou o compromiso do goberno provincial coa “nosa cultura” sendo un dos piares básicos sobre os que se sustenta a folla ruta da institución provincial para os vindeiros anos. A Deputación “debe poñer en valor a nosa cultura, así como o legado que nos deixaron ourensáns ilustres que co seu traballo e compromiso coa terra contribuíron a facer de Ourense o que hoxe é”, engadiu o presidente provincial. A cultura volveu a ser a protagonista en Ourense, nesta ocasión coa inauguración da peza artística que Antón Pulido dedica a Arcadio López-Casanova, pasando a formar parte deste espazo que rende homenaxe a persoeiros ilustres como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Xela Arias, Castelao, Vicente Risco, entre outros.
Trátase dunha “peza singular que recolle a poesía de Arcadio e que se suma ás 25 xa existentes e que fomos instalando na Insua froito do traballo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense”, dixo Luis González Tosar, quen lembrou que hoxe en todo mundo se celebra o Día Mundial do Urbanismo e “este acto contribúe a súa conmemoración ao urbanizar este espazo, pero mantendo a súa esencia como lugar natural”: Valentín García reivindicou que a Insua é un “lugar único en Galicia que consegue mesturar a contorna natural coa cultura” e que ao longo dos anos “creamos unha exposición de moitos estilos que dan unha relevancia especial a este espazo”.
A obra, realizada polo pintor, muralista e gravador, Antón Pulido, baixo o nome “Kermesse para Arcadio” é o primeiro vitral a toda cor e de grandes dimensións que se une a este espazo cultural para lembrar e homenaxear ao poeta, profesor e investigador Arcadio López-Casanova. O autor da obra manifestou a súa “admiración” por Arcadio afirmando que esta obra “está nun espazo único onde se reúnen xa 26 poetas lembrados en forma de escultura”.
Durante o acto inaugural, o presidente da Fundación Insua dos Poetas deu a coñecer que o escritor Xosé Luis Méndez Ferrín será o homenaxeado na vindeira “Festa da Palabra”, que se celebrará no mes de xullo para honrar “o máis representativo valor da literatura galega contemporánea”.