A Insua dos Poetas vive unha nova edición da Festa da Palabra, con homenaxes e entrega de premios
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe nos actos de celebración da XIV Festa da Palabra, que un ano máis conta co apoio da Xunta e que nesta edición homenaxea ao grupo Brais Pinto. Tamén acudiron outros representantes institucionais, entre eles o alcalde do Carballiño Francisco Fumega ou o presidente da Deputación José Manuel Baltar.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou o papel dinamizador e o carácter vangardista deste colectivo de intelectuais, artistas e escritores galegos entre os que se atopan Xosé Luis Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo así como Bernardiño Graña, Reimundo Patiño, Xosé Fernández Cebreiro ou Ben-Cho-Shey, entre outros.
Recordou que o colectivo Brais Pinto súmase “a prolífica listaxe de homenaxeados nos últimos anos na Festa da Palabra para poñer en valor e recoñecer o seu papel a prol da cultura galega”. En concreto, desde 2009 homenaxeáronse na Festa da Palabra a figuras como Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro, os poetas do Rexurdimento, Eduardo Blanco Amor, Pura e Dora Vázquez, Carlos Casares ou a Xeración Nós, entre outros.
A XIV Festa da Palabra serviu tamén para entregar os premios en recoñecemento ao labor de varias entidades e persoas que destacan nos seus ámbitos profesionais. En concreto recaeron en Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo, historiador e secretario da Real Academia de Belas Artes de Galicia, na modalidade de investigación e promoción cultural; en Bieito Romero, músico e fundador de Luar na Lubre, no eido da música e Pilar Corredoira, crítica de arte e curadora de exposicións, polo seu labor nas Artes Plásticas.
Tamén no Festival de Teatro Galego Celso Parada, por 33 anos de teatro desde O Carballiño; en José María Vila Alén, membro do Grupo Nós da Arxentina, fundador e expresidente do Centro Galicia de Bos Aires polo seu traballo na Cultura na Emigración; en Ramón Caride Ogando, nacido en Cea e un dos máis destacados escritores actuais das letras galegas, no eido da Literatura e o programa da TVG Cos pés na terra na modalidade de cultura rural.