Irixoga, un novo concepto de parque infantil pensado para o fomento da conciencia ecolóxica
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o proxecto Irixoga, un parque infantil cuberto destinado a fomentar a conciencia ecolóxica no que a Xunta colaborou no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha achega de máis de 34.000 euros. Á visita tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
O parque sitúase fronte ao pavillón municipal de deportes e accesible desde o CEIP da Virxe da Pena. O espazo conta con xogos adaptados a distintos rangos de idade, cun pavimento que garanta a seguridade e con catro parterres, un areeiro con pá e un mesa de traballo para que os nenos e nenas poidan adquirir conciencia do respecto do medio ambiente levando a cabo labores de plantado ou de coidado de especies vexetais.
O Goberno galego destina este exercicio á convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público 4 millóns de euros, mantendo o orzamento do ano pasado despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros. Así, a Administración autonómica financia os proxectos dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.
En concreto, a construción, ampliación ou mellora das redes de luz pública; parques infantís, incluíndo a posta en marcha de parques cubertos como Irixoga ou a cubrición dos existentes; así como edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos municipais e instalacións deportivas de uso público, onde tamén se apoiará a mellora da súa accesibilidade e a dotación de equipamentos
Natalia Prieto destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos concellos en canto á prestación de servizos.
A Xunta leva investidos no concello do Irixo máis de 900.000 euros nos últimos anos en melloras ambientais e de infraestruturas como a creación deste parque infantil cuberto Irixoga ou a pavimentación de varias vías municipais. Tamén se inclúen actuacións que se enmarcan no Fondo de Compensación Ambiental, ao que o Goberno galego destina este ano 12 millóns de euros, para melloras de eficiencia enerxética no alumeado público ou na rede de saneamento e recuperación de espazos ambientais.