A IV Festa da Palabra convértese nunha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e "á resistencia contra a incineradora"
A paraxe natural da "Insua dos Poetas", sita na carballiñesa parroquia de Madarnás, acolleu este sábado a 4ª edición deste encontro cultural no que se citaron numerosas personalidades do mundo da cultura galega.
A convocatoria recoñeceu o traballo e a traxectoria desenvolvida por persoas e entidades en diversos ámbitos. Entre os recoñecementos estivo o que se tributou a Antonio González Bernárdez "O Cura de Loureiro", fundador da Cooperativa "Santa Mariña" asentada na parroquia de Loureiro, no municipio do Irixo. Foi ún dos máximos valedores da "resistencia veciñal contra a incineradora que pretendía intalarse no Irixo", un movemento veciñal que tamén foi recoñecido pola organización deste evento cultural.
Nesta edición da Festa da Palabra tivo lugar a entrega dos segundos Premios Sete Carballas, e deuse a coñecer a escultura asinada por Manuel Penín ‘Irmaus’, que pasa a formar parte do escenario da Insua dos Poetas. Trátase dunha obra na que o escultor ourensán fai unha alegoría do poema 'Irmaus' que o poeta publicou no libro Longa noite de pedra e que pasar por ser, sen lugar a dúbidas, un dos máis coñecidos do vate de Celanova.
Xunto ao conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, participaron nos actos os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García respectivamente; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o académico numerario Xesús Alonso Montero; e o biógrafo de Celso Emilio Ferreiro, Ramón Nicolás, participaron neste evento literario que organiza anualmente a Fundación Insua dos Poetas e que está presidida por Luís González Tosar, presidente do Centro PEN-Galicia e promotor deste proxecto cultural que ten a súa sede nesta paraxe natural, nas inmediacións da localidade da Esgueva, na parroquia de Madarnás, no ámbito xeográfico do municipio do Carballiño.
A organización decidiu dedicaralle a cuarta Festa da Palabra a Celso Emilio Ferreiro, no ano en que se conmemora o centenario do nacemento do autor e o medio século da publicación de Longa noite de pedra. Esta actividade programada cada ano no mes de xullo quere favorecer o diálogo entre a literatura e as diferentes artes ou calquera outra actividade que favoreza a liberdade creativa.
A obra máis coñecida do poeta de Celanova, Longa noite de pedra, cuxa primeira edición data de 1962, desbordou o ámbito lingüístico do galego para converterse nas décadas dos sesenta e setenta do pasado século nun referente da lírica máis comprometida, implicada na denuncia da orde social imperante e na busca dunha nova realidade.