Leiro prepara a XXVIII Festa da Vendima, que se celebra o domingo 27 de Agosto
A XXVIII edición da "Festa da Vendima" mesturará música, gastronomía e artesanía o día 27 de agosto no municipio de Leiro.
O vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que se trata "dunha festa con arraigo na comarca do Ribeiro que serve de escaparate dun produto esencial da vida económica ourensá, o viño, pois a nosa provincia conta con catro das cinco Denominacións de Orixe galegas, sendo a do Ribeiro a máis antiga de Galicia".
Rosendo Fernández destacou que esta celebración, xa consolidada no calendario festivo da nosa provincia, "convértese nunha canle de promoción económica dun recurso endóxeno do Concello de Leiro". Pola súa parte, o alcalde de Leiro fixo un repaso pola historia desta festa que comezou a celebrarse "no ano 1963 e fixéronse tres edicións retomándose novamente no ano 1974 para celebrar catro edicións, e foi no ano 1996 cando volvemos a retomar esta festa para celebrala cada ano ininterrompidamente". Asemade, Francisco José Fernández destacou a "alta participación veciñal na celebración que contamos que, nesta edición, teña unha asistencia similar á de anos anteriores".
O programa de actividades comeza ás 10.00 horas coa recepción de acios a concurso e posterior exposición. Ás 11.30 horas será a benvida ás autoridades e convidados na Casa do Concello, para dar paso ás 12.00 horas á lectura do Pregón na praza do Cruceiro que nesta edición correrá a cargo da comisionada do Goberno fronte ao reto demográfico, Edelmira Barreira. O desfile de carrozas e charangas comezará ás 12.30 horas desde a rúa Gabino Bugallal ata o Campo da Feira e, ás 14.00 horas, será a visita ao XIV Mercado Artesanal que estará instalado no parque do Salgueiral, a beira do río Avia. O xantar popular comezará ás 14.30 horas.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas celebrarase a entrega de premio aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas e continuarase con actividades infantís e festa no Salgueiral. O deporte terá o seu espazo tamén na celebración co partido de presentación do C.F. Leiro ás 17.45 horas. Por último, será a música a encargada de pechar esta celebración co concerto de corais da Vendima ás 20.00 horas e coa actuación en directo no Salgueiral ás 21.00 horas.
Un dos eventos máis atractivos da celebración é o desfile de carrozas que hai en modalidade infantil e adulta. "As carrozas deben facer referencia a motivos da vendima, da viña ou traballos da mesma e deben cumprir as características recollidas nas bases do certame, pois de non ser así, o xurado poderá descalificalos", sinalou o Concelleiro de Cultura, quen lembrou os premios do certame sendo para os adultos de 1.000 euros para o primeiro premio, o segundo 750 euros e o terceiro premio 600 euros, e por participar no concurso reciben 400 euros de premio. E na modalidade infantil son de 400 euros para o primeiro, 300 euros para o segundo e 200 euros para o terceiro, e 50 euros por participar.
No relativo ao mercado artesanal, Ramón Álvarez dixo que levan 14 anos a celebralo e nesta edición "temos 25 artesáns confirmados procedentes principalmente da provincia de Ourense. Haberán artesáns de bixutería, esmaltes en frío, pedras, produtos alimentarios e viño".