Máis de mil consultas no que vai de verán foron atendidas na Oficina Municipal de Turismo do Carballiño

16, Agosto 2024

A Oficina de Turismo do Carballiño rexistrou máis dun milleiro de consultas dende que abriu as súas portas este verán. A procedencia dos visitantes segue a tendencia dos últimos anos e destacan os chegados de Madrid, Comunidade Valenciana e Andalucía. En canto aos estranxeiros, os que máis se achegan a solicitar información son os franceses, seguidos dos mexicanos e portugueses.

Os intereses dos visitantes que elixen O Carballiño como destino vacacional son principalmente patrimoniais e gastronómicos. Unha gran parte dos turistas preguntan pola Veracruz e pola súa construción.

Tamén o parque etnográfico do Arenteiro causa gran expectación, xa que se empraza a só 5 minutos do centro da vila e permite pasear, degustar a gastronomía típica e coñecer elementos da historia do concello. Nun radio de 200 metros, atópase a Fábrica de Papel, a Pena dos Namorados, o parque do Carballiño, a piscifactoría, o cámping, a Residencia do Tempo Libre ou mesmo unha estación meteorolóxica, ademais de dous restaurantes.

A información que solicitan os visitantes na Oficina de Turismo non se limita ao concello, xa que son moitos os que piden datos sobre outros puntos turísticos da comarca e da provincia de Ourense.