"A mañá de Cope O Carballiño" viaxa a Beade e ás súas festas para achegarse a este concello de O Ribeiro

14, Agosto 2009

Casa Consistorial do Concello de Beade

(Redacción. Belén González) No programa deste venres 14 de agosto, emitido desde Beade, tivemos como invitados ó alcalde deste Concello, Senén Pousa; ó artista e membro da Asociación Cultural e Ecoloxista Ridimoas, Pablo Oitavén, e a un dos representantes da Comisión de Festas deste ano, Germán. Tamén participou en directo no programa Camilo Bahamonde Rodríguez y Alonso, promotor da "Encomenda Templaria de Beade", pertecente a ONG Templarios del Mundo, unha nova ONG que pretende a recuperación e restauración dos castelos e encomendas templarias para darlle un uso social. Durante a entrevista co alcalde fíxose un percorrido polo concello abarcando numerosos temas como a vendima, obras e infraestructuras, subvencións… As previsións do alcalde -que ademáis deste cargo tamén é agricultor-  con respecto á vendima deste ano son optimistas ó afirmar que os viñedos de Beade están case o 80% no Xerez, mentres que na uva autóctona, o alcalde prevé que a colleita será inferior a outros anos. Beade é un dos concellos do Ribeiro que mantén unha actividade principalmente agrícola, xa que os seus viñedos marcan a identidade deste concello de pouco máis de 6 quilometros cadrados. Houbo tempo para lembrar os anos mozos do alcalde, posto que formou parte da Banda de Música de Beade durante anos. Unha banda que tivo moita importancia e que estivo composta por cincuenta persoas ata que no ano 1963 se desfixo. Pousa afirmou que dende sempre en Beade houbo unha verdadeira paixón pola música de banda e que se durante as festas hai tantas bandas é porque o pobo as reclama. Noutra orde de cousas, un dos proxectos pendentes deste concello é a reforma da Rectoral da Encomenda; unha reforma que foi paralizada polo bipartito ó afirmar que quedaban suprimidas tódalas subvencións para Beade. Senén Pousa mostrou a súa disconformidade co goberno galego bipartito, porque ademáis desta obra tamén paralizou e negou o orzamento de tres millóns de euros para  arranxar as beirarrúas e estradas.

Outro dos que pasou polos micrófonos do programa foi Pablo Oitavén, encargado de deseñar a alfombra floral que se fai co gallo das festas. Esta alfombra realízase dendo o ano 2000 e cada ano trata unha temática diferente. "Metamorfose" é o título da alfombra floral deste ano que fai alusión á rotura dos cruceiros por un acto vandálico. O debuxo mostra unha bolboreta coas ás que ten o corpo dun cruceiro; uns cruceiros que se puideron restaurar e que quedaron case como estaban inicialmente. Esta alfombra estará exposta durante a xornada de hoxe e mañá para o procesión; unha procesión que percorre todo o pobo no seu día grande. Ademáis de ser o deseñador da albombra floral, Pablo Oitavén é membro do bosque autóctono de Ridimoas. Este bosque require moitos coidados como herbicidas contra a maleza, coidado da fauna, controlar as parcelas que se adquiren cada certo tempo, comunicarse cos socios e un longo etcétera. En Ridimoas refúxiase todo o que é a flora e a fauna do que é esta subcunca do Avia. Hoxe en día, o bosque conta con socios de Mallorca, Sagunto e mesmo de fora de España. Este bosque caracterízase por poder pasear por el e ver especies como raposos, teixugos, aves... Hai 32 anos que Pablo comezou con este proxecto na Universidade Laboral de Ourense e no ano 1989 inicióuse como Asociación Cultural e Ecolóxica. Un dos proxectos que ten en mente a Asociación é un Centro de Interpretación e do posible aluguer do antigo Cine Principal de Ribadavia para situar este centro.

A Comisión de Festas tamén estivo representada no programa por Germán un dos dous integrantes de organizar este ano as festas. Unhas festas que declarou Germán que dan moito traballo e que contan que saian ben. O programa para os catro días de festa é o seguinte: hoxe venres actuará a Banda de Música "Vilanova dos Infantes" e ás 20.00 horas celebraráse a baixada da Virxen en procesión dende a Capela da Misericordia ata a Igrexa. A noite estará amenizada pola orquestra D´Noche e a partires das 00.30 horas actuará a famosa cantante galega Sabela. Mañá sábado día 15 tocará a Banda de Música "La Libra de Ribadavia"; ás 12.30 horas celebraráse a misa solemne con procesión e xa pola tarde ás 18.00 horas haberá a exhibición dun mago para os nenos no Campo da Festa. Despois de cear, a noite estará amenozada pola orquestra Verano Azul e a partir das 00.30 horas actuará o recoñecido fillo de Dyango, Marcos LLunas. Xa o día 16, a Banda de Música de Vilatuxe tocará pola mañá e a misa solemne con procesión celebraráse ás 12.30 horas. A festa e a verbena estará amenizada pola orquestra Ría de Betanzos. Para rematar estes catro días, o luns 17 ás 20.00 horas terá lugar a subida da Virxen en procesión dende a Igrexa ata a Capela da Misericordia. Despois da subida da Virxe haberá unha gran sardiñada para tódolos asistentes e a noite estará amenizada polo dúo Ases.

Así foi o percorrido polo Concello de Beade; un concello pequeno pero que ofrece infinitas posibilidades para que ninguén se aburra. Unha localidade enmarcada en pleno Ribeiro bañada polas augas do Avia e por un bosque autóctono que alberga especies da zona.