A Mancomunidade Turística acomete traballos de limpeza en pontes medievais
A mancomunidade turística O Carballiño- O Ribeiro promove a limpeza de cinco pontes medievais situadas nos termos municipais do Carballiño, Boborás, Leiro e Ribadavia. Este proxecto lévase a cabo gracias a unha subvención solicitada por este organismo a Turismo de Galicia.
Trátase das pontes históricas medievais de A Ponterriza, Cavadoso, Brués, ponte San Clodio e Prexigueiro. A dirección do traballo corre a cargo do arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, e realízase por unha empresa especializada en traballos verticais e con gran experiencia na limpeza de monumentos de interese histórico, como a muralla romana de Lugo, entre outros.
De feito, a limpeza lévase a cabo con cepillos para non dañar a pedra, e o resultado está sendo sorprendente, pois ademáis de mellorar o estado destes monumentos estanse descubrindo unha gran cantidade de marcas de canteiros e símbolos que permanecían ocultos por mor do musgo. A primeira obra executada foi a limpeza da ponte medieval da Ponterriza, que marca as lindes sobre o río Arenteiro dos concellos do Carballiño e Boborás. Se ben nesta ponte xa se levara a cabo no ano 1997 un labor de consolidación dos sillares, había tempo que precisaba unha limpeza exhaustiva, que se realizou no súa totalidade: sillares, arcadas, balaustrada e petriles.
E o resultado foi sorprendente, pois quedaron á vista algúns símbolos que estaban ocultos polo musgo, como a marca do canteiro, unha especie de anzuelo e unha cuncha de vieira, totalmente descoñecidos ata agora para os historiadores. Segundo Jorge Lamas, isto é unha proba que relaciona esta ponte cun dos camiños de Santiago desde O Ribeiro, e que este en concreto o facía por Cabanelas, Banga, Mesego, Ponterriza, Godás, Longoseiros e Astureses para continuar por Cusanca ata Lalín, e de alí a Compostela.
Por outra parte, resultan de gran interese estes achádegos, en especial as marcas de canteiro, pois abre a posibilidade da elaboración dun catálogo de marcas de canteiros da comarca co obxectivo de realizar un estudio sobre a autoría das diferentes obras. Esta iniciativa será plantexada polo Centro de Estudios Chamoso Lamas, de cuxa sección de arqueoloxía é responsable Jorge Lamas.
Nestes días estase procedendo á limpeza da ponte de Brués no río Viñao, e despois farase coas seguintes pontes para ter rematados os traballos a finais deste mes de setembro, segundo a previsión de Jorge Lamas.