A Mancomunidade Turística "Terras do Avia", distinguida nos premios Coopera Galicia
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu a entrega dos Premios Coopera 2016, que teñen como obxectivo recoñecer a traxectoria de colaboración e os proxectos innovadores dos concellos galegos que buscan mellorar os servizos á cidadanía.
Nesta edición, os tres proxectos galardoados foron impulsados por mancomunidades. O primeiro premio recaeu na mancomunidade da comarca de Ordes, polo seu servizo Conecta CIM.
O segundo premio foi este ano para a mancomunidade de Terras de Celanova pola implantación do servizo de fisioterapia e podoloxía no programa de axuda no fogar.
A mancomunidade turística Terras do Avia recibiu o terceiro premio grazas á posta en marcha da súa aplicación turística. Trátase dunha guía virtual que persegue promover a beleza da comarca e divulgar os puntos de interese para axudar aos viaxeiros. Ademais, permite a xeolocalización do usuario para amosar os puntos de interese máis próximos á súa ubicación.
Ao acto asistiron, entre outros, o alcalde de Leiro e presidente da mancomunidade Terras do Avia, Francisco Fernández; o concelleiro de Turismo do Carballiño, José Manuel Dacal; o secretario da mancomunidade e o representante da empresa que realizou a aplicación turística, así como a delegada territorial da Xunta e o presidente da Fegamp.