As Mancomunidades do Carballiño e O Ribeiro incorporan maquinaria hidrostática para traballos de prevención e extinción en incendios forestais

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta mañá, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na presentación de seis máquinas hidrostáticas polivalentes para as mancomunidades de Verín, O Ribeiro, O Carballiño e Terras de Celanova, así como tamén para o Servizo de Prevención e defensa contra os Incendios Forestais(SPIF). No acto, celebrado no Parque da Maquinaria da Deputación en San Cibrao das Viñas, fíxose unha demostración do funcionamento destes novos aparellos, que permitirán realizar traballos preventivos de roza e extinción.
Luis Menor puxo en valor a “cooperación pioneira” acadada con esta maquinaria “innovadora e útil”, xa que a entrega se enmarca no convenio asinado pola Deputación de Ourense coa Consellería de Medio Rural en materia de prevención de incendios. Neste sentido, o presidente provincial lembrou que a de Ourense é a deputación galega que máis convenios deste tipo asina co goberno autonómico, sendo o asinado para mantemento e conservación de infraestruturas preventivas contra o lume o primeiro que se impulsou en Galicia, xa en 2023.
4,1 millóns para un acordo pioneiro
Este convenio conta cun orzamento de 4,1 millóns de euros para esta anualidade e, ademais da entrega das máquinas hidrostáticas, contempla a adquisición de ata 12 tractores con rozadoiras, maquinaria motoniveladora e incluso a cesión, por parte da Deputación, de maquinaria da súa titularidade aos concellos para a realización de tarefas preventivas.
Tamén ao abeiro deste convenio, poranse en marcha de catro programas piloto para dotar cun total de 16 brigadas de prevención e extinción de incendios por seis meses noutras tantas mancomunidades municipais. Asemade, en virtude deste protocolo, darase formación especializada ao persoal municipal e ás mancomunidades a través do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén.
Na presentación da nova maquinaria tamén estiveron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; así como os presidentes das mancomunidades que se beneficiarán destes vehículos: Jaime Sousa, da mancomunidade de Terras de Celanova; Paco Fernández, da Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro; José Luis Suárez, da comarca de Verín e Fernando Rodríguez, da comarca de Carballiño.
Pola súa banda, a conselleira María José Gómez explicou que se trata de máquinas “innovadoras” que permitirán que os territorios destas mancomunidades estean máis preparados para facer fronte aos lumes forestais. Do mesmo xeito, agradeceu a disposición amosada por parte da Deputación, que colaborou en todo momento para afondar no compromiso do Goberno autonómico de mellorar a prevención dos lumes forestais.
“Boa política” e “espírito de cooperación”
O presidente provincial quixo poñer en valor a “palabra dada” e a “boa política” á hora de abordar un convenio pioneiro coma este, clave para a prevención dos lumes forestais. Neste sentido, lembrou a máxima da “colaboración” e o “espírito de cooperación” entre a Deputación e a Xunta, fronte ás “mensaxes falsas” que negan o investimento do goberno autonómico na provincia de Ourense.
“Dende a Deputación de Ourense sempre chegamos a acordos beneficiosos para a cidadanía”, subliñou Luis Menor.
--