María José Gómez destaca no seu pregón da Festa da Vendima de Leiro a tradición, a calidade e o apego á terra que caracterizan os viños do Ribeiro
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe a ampla tradición, a calidade e o apego á terra que caracterizan os viños do Ribeiro. Na súa intervención, como pregoeira, na XXXIII Festa da Vendima de Leiro, a titular de Medio Rural sinalou que “o viño é inseparable da celebración” en Galicia e especialmente “nun momento tan sinalado para os viticultores e adegueiros como é o da colleita da uva”.
Nesta liña, Gómez puxo en valor que só na denominación de orixe Ribeiro (a máis antiga de Galicia) hai preto de 1.600 viticultores e máis de cen adegas. Ao tempo, animou a festexar “a moita riqueza que atesouran as súas vides”, grazas -dixo- “á combinación do saber facer dos agricultores cunha terra de extraordinaria calidade e cun clima particular”.
Todo isto, engadiu, confire ao Ribeiro unhas características únicas e permite que os seus viños respondan a “unha serie de combinacións de exquisitos aromas afroitados e florais que case sempre resultan sorprendentes, ao elaborarse con variedades autóctonas tradicionais”. Precisamente, a conselleira puxo de relevo o valor de castes como Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao ou Sousón, propias desta DO e que propician que estes viños teñan unha personalidade.
Ao mesmo tempo, Gómez reafirmou a aposta da Xunta polo sector vitivinícola galego e polo fomento da súa calidade. Neste sentido, lembrou as diferentes liñas de axudas para reestruturación e reconversión de viñedo, para promoción do produto ou para elaboración e comercialización de viño. Asemade, salientou que os produtores, as adegas e o consello regulador do Ribeiro “sempre van ter na Xunta o seu aliado para defender os intereses dun produto que é calidade e idiosincrasia de Galicia”.
En parecidos termos, a conselleira trasladou que o Goberno galego apoia os consellos reguladores e está desenvolvendo unha estratexia sectorial que potencia todas as facetas vinculadas co viño, desde a propiamente enolóxica ata a turística, pasando pola patrimonial ou paisaxística.