Marnotes confirma a continuidade do GRUMIR ata a posta en funcionamento do parque de bombeiros
A Xunta anunciara recentemente que se suprimirán os GRUMIR naqueles concellos que contan con parques de bombeiros.
No caso do Carballiño prevese que o parque intercomarcal de bombeiros estea operativo neste ano 2013, probablemente no derradeiro trimestre do ano, polo que entraría dentro dos concellos que se quedarían sen este servizo de emerxencias, de tal maneira que ata a posta en marcha do parque de bombeiros, O Carballiño quedaría sen GRUMIR, reducido na actualidade a 3 efectivos.
O Alcalde do Carballiño avanzou nesta emisora de radio que tras entrevistarse co conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, a Xunta asumirá novamente a contratación de 12 traballadores nas mesmas condicións dos últimos anos. Marnotes salientou que "cando prima o sentido común non hai problema, e asi o entendeu o conselleiro, e ésta da seguridade era unha preocupación prioritaria para o concello do Carballiño, de feito incluso estabamos dispostos a contratar a esas persoas a través do capítulo 4 e unha subvención a Protección Civil, se fose necesario".
Desta maneira, O Servizo de Emerxencias do Carballiño volverá a contar próximamente, cando se formalicen os contratos de traballo, cun total de 15 efectivos, os 12 que se incorporarán e os 3 que xa están contratados polo concello.