Marnotes traslada á corporación a proposta de compra da casa da antiga Ferraxería Soto
Tratase dun edificio singular sito no nº 34 da rúa Tomás María Mosquera, coñecido como o da "antiga ferraxería Soto", lembrando a última actividade comercial que acolleu ata o anos 80 do século pasado.
Conta cunha das fachadas máis emblemáticas, con trazos arquitectónicos neoclásicos, que se conserva na rúa Principal do Carballiño. A finca na que se ubica ten unha extensión de 1400 m2.
O alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes propón ao pleno da corporación -convocado para este mércores 6 de Maio- a operación de compra venda desta propiedade "tras varios anos de xestións cos seus propietarios, esta alcaldia acaba de recibir unha oferta para que o concello se faga con esta propiedade, cun prezo de 1,7 millóns de euros".
Marnotes, que debe contestar a esta oferta antes do dia 27 de Maio, propón a adquisición por parte do concello desta finca na que se ubica a casa da antiga Ferraxería Soto, abonando o pagamento durante seis anualidades, ata o ano 2020, sendo o primeiro pago de 100.000 euros á sinatura do contrato durante este ano 2015, e os restantes a razón de 325.000 euros ao ano.
O alcalde carballiñés entende que con esta operación "cumplimos un desexo que se ven manifestando desde fai polo menos 30 anos, e que agora pasa a ser unha realidade, o concello amplia asi o seu patrimonio cunha propiedade que ten unhas posiblidades de uso moi atractivas, que se deberán determinar no seu momento, agora o importante é cerrar a compra", subliñou.