Masivo desprazamento da afección do Arenteiro a Compostela, máis de 1.500 persoas animarán ao equipo no Vero Boquete de San Lázaro

31, Marzo 2023

A demanda de entradas da afección do Arenteiro para o partido deste domingo dia 2 de abril en Santiago de Compostela rebasou todas as expectativas e finalmente serán máis de 1500 afeccionados e afeccionadas verdes nas gradas do Vero Boquete de San Lázaro, un desprazamento masivo que fai historia na historia do club carballiñés.

A maioria fará o desprazamento por medios propios, e outros moitos farano en autocares das empresas Montañesa e Rodríguez, que sairán dende a estación de autobuses do Carballiño en dous horarios, ás 11 horas e 13:45 horas, respectivamente. Serán máis de 1.500 persoas as que se desprazarán dende O Carballiño e comarca este domingo ata Santiago.

Na zona de aparcamento do estadio santiagués o club local organizou unha "Fan Zone" que comezará ás 13 horas, e na que haberá pulpeiro, xogos infantís, DJ e a actuación estelar da orquestra Cinema, que ofrecerá dous pases, o primeiro ás 14:30 horas e o segundo ás 19 horas.

O partido, a partir das 16:45 horas, será retransmitido pola G2, a segunda canle da Televisión de Galicia. No plano deportivo, o Arenteiro chega a este partido como líder destacado da Segunda Federación, cunha vantaxe de 14 puntos sobre o Compostela, que é terceiro e ocupa posto de promoción de ascenso. Dase a circustancia que os santiagueses foron os únicos capaces de gañar ao Arenteiro no que vai de liga, e cando xa so faltan 7 partidos, 21 puntos en xogo, para completar a competición.