Medio Rural e Concello agardan poñer en producción as terras da parcelaria de Brués

12, Decembro 2018

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse en San Caetano coa portavoz do grupo popular do concello ourensán de Boborás, Patricia Torres. Ambos abordaron diferentes temas de interese para este municipio, relacionados coa mellora das dotacións rurais e da calidade de vida dos seus veciños.

A voceira trasladou ao titular de Medio Rural a solicitude dun tractor por parte do Concello para a roza, que se destinaría á prevención e defensa fronte os incendios forestais. José González comprometeuse a incluír a Boborás no 2019 como un dos municipios prioritarios no reparto deste tipo de maquinaria.

Na xuntanza tamén se tratou a mellora da rede de camiños municipais e avaliáronse distintos proxectos de mobilidade de terras. Ademais, abordouse a necesidade de traballar, nesta mesma liña, para poñer en produción os terreos da parcelaria de Brués.

Por último, o conselleiro comprometeuse a visitar proximamente Boborás para supervisar sobre o terreo os diferentes proxectos e iniciativas que están sobre a mesa e nos que está implicada a Consellería do Medio Rural.