Medio Rural financia traballos para o control da matogueira no Ribeiro, en colaboración coa Mancomunidade de Concellos
Os servizos de prevención e defensa contra incendios forestais da Mancomunidade de concellos do Ribeiro levaron a cabo ao longo do ano 2017 traballos de roza en case mil quilómetros dos municipios da Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro.
Estes labores supuxeron, en concreto, un investimento de preto de 30.000 euros e tiveron como finalidade controlar a matogueira para diminuír o risco e a virulencia dos lumes. A Consellería do Medio Rural financia estes labores mediante convenios cos diferentes concellos e administracións locais, que contemplan, ademais da realización das rozas preventivas, as funcións de vixilancia, defensa e extinción durante a tempada de alto risco de incendios.
Estes datos sobre traballos preventivos foron achegados polo presidente da Mancomunidade e alcalde de Leiro, Francisco Fernández, á conselleira Ángeles Vázquez, nunha xuntanza de traballo celebrada en San Caetano.
No encontro, ambos abordaron diferentes cuestións de interese para os veciños desta comarca ribeirán e de xeito particular avanzaron nesa colaboración entre administracións en materia de prevención e loita contra os incendios forestais, que neste caso cualificaron como moi útil e favorable para as partes.