"Memoria dos oficios", unha iniciativa do Concello de Boborás, pretende preservar a historia da sociedade rural

14, Xullo 2009

(Redacción. Belén González) A Rede de Dinamización da Sociedade da Información ven de rematar a iniciativa "Memoria dos oficios" en colaboración co Concello de Boborás con obxectivo de recabar información sobre o mundo rural de Galicia e as súas actividades. Este programa pretende crear documentos audiovisuais para almacenar e divulgar a memoria da sociedade rural galega e dos seus oficios que, pouco a pouco, foron tapados polos traballos realizados nas grandes urbes. Para recoller toda a información, esta iniciativa remítese ás lembranzas dos nosos maiores ou outros colectivos interesados nesta temática. Isto tamén pretende achegarse as franxas de idade con máis risco de exclusión social e xerar contidos en galego.  A actividade tivo unha duración de 20 horas e levouse a cabo na aula Wimax que se atopa na antiga Escola de Feás. "Memoria dos oficios: Lembranzas do campo" está formada por catro videomontaxes que versan sobre a esfolla, a gandería, a matanza e a vendima. Na primeira videomontaxe pódese ver cómo se realizaba tradicionalmente esta tarefa nas aldeas, ademáis de recoller recordos e vivencias en distintas esfollas. A gandería ofrece unha visión sobre cómo era a vida nas casas onde había gando e o traballo que xeraban os animais; o vídeo da matanza establece unha comparación entre a realización desta actividade fai algúns anos e a actualidade; a derradeira montaxe é da vendima na que establece unha conexión entre o pasado e o presente, tamén se fai fincapé na incorporación da maquinaria agrícola e do cambio que isto supuxo para o mundo rural. A Rede de Dinaminación, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica enmarcada no Plan Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información.